O goberno en funcións da Xunta vai adxudicar en menos de quince días unha serie de contratos para a realización de servizos informáticos por valor de 1.855.930 euros. Ademais, a maioría dos concursos tramítanse por vía de urxencia e o prazo de presentación da documentación para poder optar a eles é de entre 8 e 15 días naturais a partir de hoxe.
De feito, o Diario Oficial de Galicia de hoxe anuncia un concurso público do Servizo Galego de Saúde para a "contratación do servizo de evolución e despregamento de contornos colaborativos e do portal corporativo" da consellaría de Sanidade e do propio SERGAS por un valor de 925.000 euros. O prazo de execución do servizo é de 2 anos e data límite de presentación é o vindeiro 15 de xullo.
Tamén a consellaría de Presidencia publicou no DOG de hoxe tres concursos públicos pola vía de tramitación urxente para a realización de servizos de carácter informático por un valor total de case 691.000 euros. Os tres concursos teñen un prazo de execución de 1 ano e o prazo de presentación da documentación é de só 8 días.
Ademais, o organismo autónomo Augas de Galicia, incluído na consellaría de Medio Ambiente anuncia un concurso para a realización tamén de servizos informáticos por un valor de 240.000 euros, un prazo de execución de 2 anos e só 8 días como data límite para presentar a documentación. En total, só no DOG de hoxe o goberno en funcións vai contratar servizos informáticos por valor de 1.855.930 euros.