A NBA, a liga profesional de básquet estadounidense, elixe hoxe as súas futuras estrelas. Entre elas probabelmente se inscriba o nome do galego Fran Vázquez, que ocupará unha das catorce primeiras prazas do draft. O chantadino é o primeiro galego en chegar ao draft, e pode converterse no segundo xogador de básquet en pisar os parqués estadounidenses, logo da participación de Fernando Romai nas Olimpíadas dos Ánxeles, hai 21 anos.
As previsións máis optimistas sitúan a Fran Vázquez no obxectivo de Utah Jazz, que ten a sexta elección. Con todo, as súas maiores opcións parecen residir nos postos que van do 9 ao 13, que á marxe de modificacións de última hora, lles pertencen aos Knicks de Nova York, aos Lakers dos Ánxeles, aos Golden State Warriors de San Francisco, e aos Bobcats de Charlotteville.
Fran Vázquez asistirá en directo á cerimonia que o converterá no primeiro xogador galego que é elixido nun draft da NBA. Con todo, que Fran Vázquez resulte escollido non garante que chegue a xogar na NBA, pero o equipo que o seleccione asegura a propiedade dos seus dereitos para os Estados Unidos.