Os milleiros de galegos que saíron a pasada noite para celebrar a vitoria da alternativa política ao goberno do Partido Popular teñen outro motivo para darlle maior sentido aínda á súa festa. Tal día como hoxe no ano 1936 a poboación galega refrendaba maioritariamente o seu primeiro Estatuto de Autonomía no marco da II República. Quedaban pouco máis de quince días para que o golpe de estado do xeneral Franco eliminase de vez non só o xermolo do proxecto nacional galego, senón a moitos dos que o fixeron posíbel.
Tanto o PSdeG como o BNG, que formarán con toda probabilidade o próximo goberno de coalición da Xunta, inclúen nos seus programas o aprofundamento no autogoberno e a reforma ou elaboración dun novo Estatuto que, segundo ambos partidos, debe estar listo e consensuado no primeiro treito da vindeira lexislatura.
Retómase deste xeito o proceso iniciado en 1936, cando os galegos votaron por si mesmos por primeira vez.