Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
28 DE XUÑO

O 'Orgullo Galego' celébrase o 2 de xullo

O 28 de xuño é o día no que se conmemora por todo o mundo o Día do Orgullo Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual pero cadrando no medio da semana os actos festivos e reivindicativos desprazáronse para o 25 de xuño, como aconteceu en Santiago, ou para o 2 de xullo como vai pasar coa manifestación central do Orgullo Galego, que se celebra en Lugo.

- 13:08 28/06/2005
Tags:

Por primeira vez dende que en Galiza os colectivos de gais, lesbianas, bisexuais e transexuais se manifestan para reinvidicar os seus dereitos e conmemorar o 28 de xuño, os actos do Orgullo Galego non van ter lugar na capital galega senón na cidade de Lugo.

Dende as 12 da mañá do 2 de xullo ata as 4 da madrugada repetiranse pola cidade da muralla romana diversos actos lúdicos e reivindicativos. O pub Emo daralle a saída ao Orgullo Galego cunha sesión cabaret, ás 14:00 horas terá lugar o Maripic-nic no parque Rosalía e dende entón haberá que agardar ata as 19:30 horas para a concentarción na Praza Maior do concello e a posterior manifestación. Ás 22:00 horas arrinca o festival de Campo Castelo, onde actuarán Lkan e Psicosis Gonzales e que rematará, preto da unha da madrugada cun Festival de Variedades. E como aínda quedará moita noite de festa ésta vai continuar nos locales Calma Chicha, Candonga e na discoteca Vértigo.

Ferrol
Exposición '20 anos de movemento homosexual en Galicia', no Ateneo Ferrolán, ata o 14 de xullo, organizada por Legais.

Vigo
O 28 de xuño o colectivo vigués Legais colocará a bandeira do Arco da Vella no edificio do Concello de Vigo. Ademais, ese mesmo día ás 20:30 darán os premios do Certame Literario e presentarán o novo Roteiro de locais e profesionais de Vigo, na libraría Hades (rúa Real, 4).

O 1 de xullo, á 1:00 da noite, Legais organiza unha actuación musical en 'O Lar da Zoe' (Zona vella). E o 8 de xullo, mesa redonda ás 19:00, sobre "Evolución e novas perspectivas do movemento LGBT", así como a xa tradicional cea e entrega dos premios Legais e Ilegais" no restaurante do MARCO.

A Coruña
O colectivo Maribolheras precarias celebrará unha festa no bar Patachín, o día 30 de xuño, a partir das 21:00h. Ademais, presentarán o segundo número da súa revista '+ Perralheiras'.

Porto
O 2 de xullo chega a cuarta edición de Porto Pride 2005, "a festa de gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e heterosexuais", que terá lugar no teatro Sá Bandeira.


0/5 (0 votos)