Ramón Carredano non ten un gran conxunto de obra publicada, e porén xa non é un mozote. Este empregado de banca do Porto do Son, noiés e afeccionado a navegar, entra pola porta grande da literatura conseguindo o premio Merlín de novela infantil e xuvenil con 'Unha branca de ouro para Martiño', un relato sobre as viaxes no tempo, a realidade, o soño e as expedicións marítimas a América no século XV.
Vieiros: Unha vez máis, o Merlín gañouno unha novela histórica.
Ramón Carredano: Si, ben... Eu trato a novela histórica como se fosen esas bonecas rusas que unhas agochan as outras. A Historia real, con maiúsculas, a que nos contan os libros de historia, os libros de texto e os dos historiadores, sempre deixa no seu discurso unhas lagoas, unhas bonecas máis pequenas que non contan porque non teñen maior importancia histórica. Pero esas bonecas aproveitámolas os que escribimos algo de novela histórica. Eu polo menos así o fago.
Cal é o episodio histórico que centra a novela?
Esta novela desenvólvese na nao Santa María, na noiteboa, cando a tripulación bébeda despois da festa deixa o buque nas mans dos grumetes e a Santa María embarranca. Iso é a historia con maiúsucula.
E pasou así?
Si, iso pasou, iso é historia de verdade. E sobre ese tema desenvolvo quen é o grumete, nas mans de quen quedou a nao... Aí entra a ficción e argállase a historia de 'Unha branca de cobre para Martino'. Martiño é un mozo que ten afección polas moedas, e na noiteboa, para celebrar ao día seguinte o seu aniversario, o pai permítelle tomar unha copiña de champán que o marea e que o leva para a cama. Cando esperta atópase na nao Santa María. Alí outro chó amigo del explícalle que levou un golpe moi grande e que botou un par de días sen coñecemento. Martiño, ese amigo Diego e unpapagaio pasan diversas aventuras, durante todo o día de Noiteboa: Martiño fai amigos, fai inimigos, ten que superarse, ten que vencer problemas, e finalmente durante a noite o temoeiro déixao a cargo do leme en troques dunha branca de cobre, que era unha moeda do tempo. A nao embarranca, Martiño escorre, leva un golpe e volve espertar na época contemporánea. E a partir de aí ábrese un xogo entre a realidade e a ficción, entre saber se é verdade o que pasou ou se só foi un soño.
Hai pois semellanzas e xogos con libros de aventuras xuvenís, como 'A illa do tesouro'...
Eu non teño moito trato cos rapaces. Polo menos non tanto coma o que teñen os ensinantes que acostuman a escribir novelas para rapaces. E ao non ter un contacto moi directo con eles, pois tampouco sei de verdade as súas inquedanzas, o que lles gusta, o que non lles gusta, o que pensan... Decidinme entón por uns valores intemporais: o que lles gustou aos nosos avós, o que lles gustou aos nosos pais, o que nos gustou a nós, e o que seguro que lles vai gustar aos nosos netos. A aventura, a superación, a amizade... os valores eternos.
Cres que existe demasiado didactismo ou demasiados ensinantes, e que iso condiciona o tipo de literatura que se está facendo para rapaces?
Non, non necesariamente. Coñecer os rapaces de preto, traballar con eles, falar con eles, é unha axuda enorme á hora de escribir para rapaces. É moito máis doado escribir sobre un tema que coñeces ca sobre un descoñecido. A min esta 'Branca de ouro para Martiño' foime relativamente doada porque son unha persoa moi interesada no descubrimento de América e na navegación da época, así que xa tiña uns coñecementos previos bastante amplos. E iso facilitoume escribila. O coñecemento do medio en que se vai basear a novela é importantísimo. É case media novela coñecer os rapaces se vas escribir para rapaces. Por iso tiven que acudir a valores universais e non exactamente para rapaces de hoxe, porque podía meter a pata dunha maneira espantosa.
Como chegaches ao coñecemento do Descubrimento
Dende neno, xa na escola, foi un tema que me apaixonou. O Descubrimento e as conquistas de América son verdadeiras novelas de aventuras. Desde moi rapaz sorprendéronme moito as fazañas daqueles homes. Home, hoxe xa non as vemos tanto como fazañas como se vían ou como se estudaban naquela época. Hoxe hai unha perspectiva distinta deses feitos, pero séguenme a resultar engaiolantes. Eu ademais son un afeccionado a navegar, e todo o relacionado co mar e coa navegación gústame.
De onde xorde a idea de escribires esta novela e mandala ao Merlín?
Pois non o sei, non o sei... decidín escribir unha novela xuvenil un pouco porque me xurdiu a idea. E cando a escribín non sabía moi ben qué facer con ela e mandeina ao Merlín. Nin se me pasou pola cabeza que puidese gañar o premio...
E o seguinte paso?
De momento imos dixerir isto. Non vou dar ningún paso inmediato, aínda que... claro... traballar estás traballando sempre.Ando nunha novela, xa para adultos, sobre a chegada dos españois a Haití, pero vista dende o punto de vista dos indíxenas arauacos. É unha novela na que levo traballando moitos anos porque se precisa moita documentación, e agora estou tentando darlle un pulo a ver se a remato.