Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIPULACIÓN AO SERVIZO DO PP

Fraga usa a TVG xusto antes do remate da campaña

Nos últimos días a TVG emitiu en horario de máxima audiencia as entrevistas con cada un dos principais candidatos á presidencia da Xunta. Onte, último día da campaña, tocoulle a Manuel Fraga. Porén, o que comezou sendo unha conversa entre o xornalista e o político rematou converténdose nunha farsa enmascarada de entrevista. Coa connivencia da televisión pública galega Fraga aproveitou para lanzar varias mensaxes valéndose do teleprompter, un dispositivo que permite ler un texto mentres se mira directamente á cámara. Nin que dicir tén que para empregar este aparato fixo falla que o xornalista soubese de antemán o que debía preguntar, en que momentos e, sobre todo, que a TVG se prestase a montar todo o "tinglado".

- 08:57 18/06/2005
Tags:

En teoría, as entrevistas televisadas son conversas entre un xornalista e un persoeiro. A ética aconsella que como moito se lle digan ao entrevistado cales serán os temas a tratar pero nunca revelarlle as preguntas e moito menos deixar que sexa el o que diga cales se lle deben facer. Isto foi o que ocorreu coa entrevista emitida onte á noite pola TVG con Manuel Fraga.

Obviamente estas manobras quedan detrás do pano televisivo e o que o espectador percibe é o resultado final. Un resultado final que aínda queda "máis directo" se o entrevistado tén a oportunidade de ler mensaxes redactadas coma se fose un locutor do telexornal. E é que en alomenos dúas ocasións, Manuel Fraga xirou a cabeza, mirou directamente á cámara e lanzou un speech perfectamente medido, cargado de datos e cifras.

Para poder facelo, a TVG puxo ao servizo do candidato do PP o chamado teleprompter, un aparello que permite ler un texto sen apartar a vista da cámara e, por estensión, mirándolle ao espectador directamente aos ollos.

Malia ter esta axuda, Fraga non puido evitar trabucarse nalgunhas palabras mentres a súa mirada percorría a pantalla de lectura, invisible para os que estaban sentados na casa.

Desta maneira o que en principio debía ser unha entrevista aséptica por parte do medio adquiriu por momentos tintes de ser un mitin encuberto. Máis aínda, o que debía ser un programa informativo chegou a se converter nun acto propagandístico fóra dos tempos asignados pola Xunta Electoral Central a cada partido e no que, aínda por riba, se manipulou ao espectador utilizando os recursos técnicos e humanos da TVG.

E todo a escasas horas de que comece oficialmente a xornada de reflexión.

Descarga da páxina de Hai que botalos! o vídeo da intervención de Fraga.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: