A inestabilidade laboral e os baixos salarios son características comúns dos postos aos que acceden a maioría de mozos que conseguen traballo ao remataren os seus estudios universitarios. Segundo un informe da consultora Accenture, a nivel estatal só un de cada dez conseguen un contrato indefinido. A fenda é maior en Galiza, onde o informe sobre inserción laboral da Axencia Galega para a Calidade do Sistema Universitario Galego advirte do descenso da empregabilidade dos licenciados galegos e no mesmo sentido conclúe un informe da Fundación Barrié que avisa da alta taxa de precariedade entre os mozos.
A taxa de desemprego dos universitarios galegos é máis de dez puntos porcentuais inferior á do resto. Isto non só queda explicado polo incremento do nivel de empregabilidade de quen cursa estudios de formación profesional, xa que segundo o informe de inserción laboral do Instituto de Estudios Económicos da Fundación Barrié, a tendencia ao desemprego e maior no mesmo sentido entre os universitarios se se compara cos mozos que só teñen estudos básicos.
Case o 35% dos licenciados das universidades galegas no período 1996-2001 estaban no paro no momento en que se realizou o estudo da Axencia Galega para a Calidade do SUG, un total de máis de 20 mil titulados que non atopan sitio no mercado laboral galego. Ao fío, entre os que atoparon traballo, un 10% houbo de ir buscalo ao extranxeiro ou a algún punto do resto do Estado.
Na mesma liña, unha análise do Consello Económico e Social subliña vencellado á incapacidade do sistema económico galego para xerar postos de traballo para unha mocidade moi formada a detección entre a nova emigración de cada vez máis mozos con elevada formación académica que deixan Galiza para buscar traballo.
A investigación realizada pola Fundación Barrié, con datos do 2002 e referida ao global da mocidade galega, atopou que nos cinco anos anteriores ao estudo, un de cada dous mozos de entre 16 e 30 anos traballou menos da metade do tempo, cando o conseguiu foi con contratos de duración media de entre catro e seis meses e que os salarios medios dun primeiro emprego non superaron os 570 euros, sendo o do último posto ocupado aínda por baixo dos 600 euros. "Os mecanismos institucionais que debería facilitar o emprego non funcionan axeitadamente", advirte o informe, "os estudos realizados pasan a ocupar un lugar secundario" en favor de criterios coma "os contactos de pais ou amigos".
Ás portas da campaña electoral, o colectivo nacionalista Galiza Nova facía balanzo do "fracaso do Plan Labora" que foi promesa estrela do PP na campaña electoral en 2001 e lembraban que "só un 6% da mocidade atopa a primeira colocación a través do Servizo Galego de Colocación" ao tempo que as taxas de desemprego da mocidade galega seguen por riba do 40%, moito maiores ca a media estatal.