Burla Negra informaba na tarde do luns sobre o impedimento da exhibición de Hai que botalos na Pobra Trives, protagonizado pola Garda Civil. Pero os atrancos no desenvolvemento das accións que leva a cabo a comunidade sociocultural galega que se artella a través de Arredemo non paran aí, os 'hackers' tamén entraron en acción.
"En Trives solicitouse a colaboración do Concello para emitir o filme na Casa da Cultura e negouselle, entón deciuse facer a proxección nun bar. No momento de iniciar a exhibición da película presentouse a Garda Civil cunha orde para parar a proxección emitida pola Xunta Electoral de Zona, impedindo que a xente vira a película", aseguran dende a plataforma cidadá.
Pero mentres aquí se prohibe a súa exhibición, a película segue con éxito a súa viaxe polo mundo. A última cita, na fin de semana, foi Montevideo (Uruguai). Segundo conta o distribuidor de Hai que botalos naquela zona, Suso Baleato, "o dvd pasou á Arxentina da man dunha actriz descendente de galegos que se comprometeu a incluílo no Instituto Nacional de Cinematografía do país". O encargado de introducir a película nos fondos da cinemateca urguaia foi, segundo Suso Baleato, "o actor Andrés Pazos, do filme Whisky, que tamén é descendente de galegos".
E a difusión non para aí. O día 13 Vigo e Barcelona son os epicentros do 'movemento' HQB, séguelles o martes a Coruña, de novo Barcelona e Madrid o mércores, xunto a Compostela, Becerreá, Salamanca, Vigo e A Coruña. Estas últimas cidades repiten proxección o xoves, como tamén o fan Becerreá e Barcelona. Para o día do peche de campaña, o 17 de xuño, Santiago vai contar cunha 'festa-proxección' na praza do Toral, da man da Asociación Cultural O Galo, en Carballo o filme vaise proxectar na Casa da Cultura e en Barcelona nos ateneos Julia Romea e A Torna.
Os 'hackers' rexístranse en Arredemo
O portal Arredemo foi 'hackeado' a pasada fin de semana. Este portal, arredor do que se artella a Rede de Acción Sociocultural Galega, sostén entre outros proxectos a rede de distribución de Hai que botalos e un dos seus superadministradores, Muxía detectara a pasada semana a presenza dun 'hacker'. "Unha vez descuberto o que fixen, ademais de sorprenderme porque non fixera nada coa páxina, foi quitarlle todos os permisos que el mesmo se atribuira e deixalo coma un usuario normal". Pero a cousa non quedou aí, e esta fin de semana outro grupo 'hackeou' a páxina deixando mensaxes da súa 'fazaña' na mesma.
"De momento non acabaron con Arredemo, só deixaron unha nota que demostrara a súa presenza alí, e nós deixamos esa nota como nova da páxina", comenta Muxía. "O que está claro con isto é que temos que mellorar a seguridade da páxina, porque xa coñecíamos a vulnerabilidade do Nuke, con isto só se evidenciou". Agora a intención do colectivo que administra Arredemo é a de establecerse nun sitio alternativo, "polo que poida pasar", e comezar a falar das posibilidades de cambiar de xestor e aumentar a seguridade.