Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRESPO CONSEGUE 1,6 MILLÓNS DA XUNTA PARA O SEU PROXECTO

A nova Casa do Concello de Lalín custará preto de 10 millóns de euros

O Consello da Xunta ultimou a autorización da sinatura dun convenio de colaboración co alcalde de Lalín e xefe de campaña do PP, Xosé Crespo, para contribuír á construción da nova Casa do Concello que preside, así como para a urbanización do seu contorno. As actuacións previstas no convenio suporán un investimento autonómico de 1,6 millóns de euros ata o 2009, por parte das consellarías de Xustiza e Política Territorial.

- 11:29 11/06/2005
Tags:

A nova Casa consistorial lalinense está orzamentada en en 9,8 millóns de euros e terá unha superficie de 5.900 metros cadrados. Os arquitectos Mansilla e Tuñón, rebaixaron ata esta cifra os 11,5 millóns de euros previstos inicialmente. O goberno local ten previsto proceder á venda de parcelas de titularidade municipal, como os terreos que acollen o antigo colexio Manuel Rivero como medio de financiamento da actuación e ofertarlles oficinas a organismos e entidades como o Oral, o Centro comarcal, o Catastro ou Extensión agraria.

Se ben o prego de condicións establecía un orzamento de 6 millóns de euros, esta cantidade foise incrementando dende a súa aprobación cando o alcalde, Xosé Crespo, convocou os mellores arquitectos para erguer "un consistorio para sete xeracións, que dure 500 anos", segundo explicou na presentación do proxecto.

O edificio estará situado na zona do Regueiriño, en proceso de urbanización, co fin de converterse no centro administrativo de Lalín. Disporá de oficina bancaria, correos, cafetería, sala de exposicións, arquivo, aparcadoiro e gardería infantil, ademais das oficinas municipais. Sobre unha praza reservouse espazo para o asentamento doutras dependencias da Xustiza e da Administración autonómica. Están proxectadas tamén 480 vivendas no seu contorno.


Documentos

0/5 (0 votos)