A unha media de 130 euros por cada habitante do planeta ascendeu o gasto en armas durante o ano pasado. A "guerra contra o terrorismo" do goberno USA acumula a metade desa cantidade. O informe publicado polo Instituto Internacional de Investigación para a Paz, con sede en Estocolmo, advirte ademais que a cifra de negocios que moveron nese período as cen principais empresas do sector en 2004 equivale ao PIB dos 61 países máis pobres do mundo.
"Os acontecementos dos últimos anos pouco contribuíron á obtención de solucións mundiais ás guerras", advertiron os responsábeis do centro durante a presentación do informe. O estudio subliña tamén a existencia de moitos conflitos que escapan á atención da comunidade internacional malia a súa gravidade, casos de Nepal ou Uganda. O Instituto láiase do espectacular crecemento que experimenta a industria do armamento en todo o mundo, con varias delas acadando xa a dimensión de poderosas multinacionais hoxe en día.
Ao tempo, critican a falta de transparencia dos gobernos á hora de facilitar datos sobre as vendas comerciais de armas en todo o mundo, "só está dispoñíbel unha cantidade limitada de información ao respecto", advirten, agoirando unhas cifras reais do negocio das armas moito maiores que as que poden ser avaliadas estatisticamente. Contámoslles tamén, que o informe fai referencia á invasión de Iraq, subliñando que se lanzou "sen probas e con informacións inexactas".