"Os líderes mundiais non poden usar durante máis tempo as incertezas arredor dalgúns dos aspectos do cambio climático para seguir adiando as accións urxentes que son necesarias para o recurte das emisións que provocan o efecto invernadoiro". Representantes das institucións científicas máis importantes dos países máis ricos uníronse para asinar unha petición conxunta neste sentido. Por se acaso e para garantir a atencións dos líderes políticos, subliñan os altos custos económicos que van ter os problemas derivados do cambio climático.
"O atraso na toma de accións vai incrementar o risco de efectos ambientais adversos e podería ter grandes custos", advirten os científicos pedindo un esforzo na análise das accións "custo-efectividade que poden tomarse agora". Segundo destacan, a ameaza é "clara e recente" e os seus efectos son xa evidentes e inevitábeis, polo que é imprescindíbel un compromiso a curto prazo dende os países máis ricos para minimizar as consecuencias futuras. Ao tempo, piden a colaboración cos países en vías de desenvolvemento para que o seu crecemento vaia acompañado de solucións científicas e tecnolóxicas que reduzan ao máximo os efectos adversos do cambio climático.
A declaración vai asinada polas academias de ciencias do Reino Unido, Francia, Rusia, Alemaña, EEUU, Xapón, Italia e o Canadá. Ademais dos membros do G8, uníronse á sinatura academias científicas de China, India e Brasil, polo peso das súas industrias na xeración de gases contaminantes. Os científicos insisten en que a ciencia puxo enriba da mesa probas de sobra arredor da gravidade da situación, e piden que a xuntanza do G8 o próximo mes de xullo en Escocia marque un punto de inflexión e os líderes opten por apoiar estratexias de loita ao cambio climático.