"O posíbel défice da liña non ten que ver coa falta de demanda, senón coa oferta pouco axeitada dos tempos de viaxe actuais", argumenta a comisión executiva do Eixo Atlántico na carta dirixida aos respectivos ministerios de Fomento. O futuro, insisten, non debería pasar pola supresión, senón polo reforzo da liña.
O organismo que integra dezaoito dos concellos da rexión Galiza-Norte de Portugal lembra que "resulta difícil crer que en pleno século XX e na UE un traxecto coma este, de 175 km, aínda tarde tres horas en realizarse". Así, e co obxectivo de deseñar un plan de futuro para esta liña, propoñen unha xuntanza ao abeiro da comisión de traballo Galiza-Norte de Portugal, que abra camiño cara á fórmulas de xestión compartidas e que podería tomar forma na creación dun consorcio transfronteirizo de transportes no que podería participar o sector privado.
Dende o Eixo Atlántico insisten en que o problema da liña é o seu défice de calidade, motivo polo cal debe ser apoiada no marco dunha cooperación máis ampla no ámbito do desenvolvemento do transporte público, coma factor clave para o impulso da Eurorrexión.
Lembrámoslles que a liña ferroviaria entre as cidades de Vigo e O Porto tiña fixada a súa desaparición para este mesmo mes de xuño, e que finalmente, o goberno luso adiou a súa eliminación, en principio para pouco máis aló das eleccións galegas.
Durante a última xuntanza da comisión executiva do Eixo Atlántico, a finais de maio, o alcalde do Porto, Rui Río, asegurou que o executivo portugués garantiría a conexión ferroviaria con Galiza durante os próximos tres anos, cando menos, período durante o que de xeito paralelo se iniciaría o despregue da liña de alta velocidade. O rexedor luso recoñeceu en todo caso que a empresa pública Comboios de Portugal si incluíra a liña Vigo-O Porto entre o medio cento de treitos con rendabilidade en cuestión a suprimir a medio prazo.