Burla Negra recolle estes días os resultados da proxección expansiva de Hai que botalos, que convocou o pasado 4 de xuño e que "non foi máis ca o disparo de saída dunha expansión que queremos que continúe ata o día das eleccións", aseguran. Dos 300 puntos contactados, Burla Negra recibiu confirmación de máis da metade dos colectivos comentando o transcurso da proxección e tamén algunha que outra anécdota sobre a experiencia expansiva.
En Pontevedra, onde se proxectou a película logo da manifestación a favor do traslado de Ence e á que asistiron boa parte dos compoñentes de Burla Negra, presenciaron o filme máis de 400 persoas. Outro lugar significativo, en canto a volume de espectadores, foi a provincia de Ourense, que programou exhibicións en boa parte dos concellos e, nalgún caso, como foi o de Xinzo de Limia, a proxección prolongouse toda a noite.
Máis alá do atlántico, en Bos Aires, a exhibición de Hai que botalos tivo tamén, segundo informan os membros de Burla Negra, unha "fantástica acollida, que irá máis alá da proxección expansiva xa que se esperan exhibicións ao longo destas dúas semanas". "E non só en Bos Aires" engaden, "xa que en Barcelona, dende o sábado ata a xornada electoral están programadas medio cento de proxeccións".
Pero a relevancia da difusión desta película vai máis alá da proxección expansiva. Tal e como publica o colectivo Burla Negra na web Arredemo, dende o 3 de xuño ata o día 8 Hai que botalos proxectouse en 75 lugares distintos e tan dispares coma Ferrol, Ponte Caldelas, Allariz, Lugo, Trives, Xinzo de Limia, Bos Aires, Barcelona, Salamanca, Lisboa ou Londres; e o número de proxeccións ascendeu, nas mesmas datas a 150, entre as que teñen contabilizadas na Burla Negra.
A acollida que os espectadores lle están a dar a este filme "libre e colectivo" reflíctese, segundo os seus organizadores, non só na cifra de descargas "que xa vai polas 125.000 e que segue a progresión da primeira semana" senón tamén, en acontecementos coma o acaecido en Ares, onde "a pesar da prohibición do alcalde a asociación Bezoucos proxectou o filme ao aire libre e diante 125 espectadores".
Dende o 9 de xuño ata o día 17, no que terán lugar as últimas exhibicións de Hai que botalos, as proxeccións continúan e entre os lugares que Burla Negra publica como confirmados (arredor de 50 ata o momento) terán lugar arredor dun cento de proxeccións. Entre estas novas citas pódense destacar: a proxección durante tres días, 10, 11 e 12 de xuño en Salceda de Caselas; a exhibición o día 10 nun dos feudos populares, Lalín; o mesmo día exhibirase a película en Meirás, nun acto que os promotores locais definen coma "o primeiro acto democrático dende 1936" e ao que asistirán como 'presentadores' Enrique Banet, presentador de Senda Verde, e a actriz Mabel Rivera; e a proxección do filme no concello de Laxe, onde hai agora dous anos e medio nacía a Plataforma Contra a Burla Negra.