Santiago é punto de saída para a carreira electoral que comeza esta noite. O PP terá o seu acto inicial á beira da sede, no hotel Tryp San Lázaro. O BNG escolleu a praza de Praterías, na zona vella, e o PSdeG abre fogo no Ensanche, na praza Roxa.
A caravana popular baixo o lema do "Máis" escollido polo PP para tentar o quinto mandato de Manuel Fraga preparoulle ao presidente a axenda máis ambiciosa do seu ciclo político. Ata en 24 actos será centro do mitin o líder popular ata que a campaña peche a noite do próximo día 17 en Vigo. Á súa beira, e logo de agoiraren que os resultados galegos seran potencial avance do reaxir do PP a nivel estatal, Mariano Rajoy paseará polos escenarios mitineiros das sete cidades galegas.
Ata 17 mitins lle prepararon a Anxo Quintana para a venda aos electores de "Un país novo", lema da campaña do BNG. Ao fío, o candidato nacionalista despregará unha ampla actividade paralela de visitas e xuntanzas con múltiples colectivos sociais. O domingo 12 a parada será en Allariz, a vila onde foi alcalde Quintana, e o peche de campaña terá lugar na cidade de Ourense.
"Móvome" é o lema que o PSdeG paseará por Galiza durante os dezaséis días de campaña, malia que a axenda do candidato Touriño aparece máis selectiva cá dos seus rivais e só protagonizará quince mitins nese tempo. Vigo, A Coruña e Ourense foron os lugares escollidos para darlle impulso á campaña socialista coa presenza do presidente Zapatero. O peche de campaña será en Santiago.