Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NON SE PRODUCIRON DANOS DE IMPORTANCIA

Estoupan dous cócteles-molotov na sede do PP de Ordes e do PSOE de Ourense

Dous cócteles-molotov foron lanzados arredor das 3 horas da pasada noite contra a fachada das sedes do PP de Ordes e do PSdeG-PSOE na cidade de Ourense sen que se producisen danos de relevancia. A esas horas da madrugada non había ninguén nos locais dos partidos e os veciños das proximidades alertaron á policía.

- 12:22 01/06/2005
Tags:

O suceso de Ourense, no local que os socialistas teñen no barrio da Ponte, coincide coa visita este mesmo mércores do presidente do goberno á cidade, onde asistirá co secretario xeral do PSdeG a un mitin de precampaña ás 20h. O estoupido rachou os cristais da porta queimando parte da vivenda o lume, que puido ser extinguido pola propia policía municipal cun extintor. Por outro lado, a explosión na vila ordense produciuse na sede que o PP ten no primeiro andar da rúa Compostela, producindo apenas algúns danos materiais de pouca importancia.

Nas semanas previas ás últimas eleccións municipais tiveran lugar tamén agresións deste tipo contra sedes de partidos políticos. Daquela, e tamén na mesma noite e causando só danos materiais, foran guindados cócteis-molotov contra os locais do Partido Popular en Pontevedra, na vila de Moraña e tamén contra a oficina da Dirección Xeral de Estruturas Pesqueiras da Xunta, en Compostela.

Primeiras investigacións
A delegación do goberno en Galiza avanzou a existencia de pistas que levarían cara á "autores vencellados con movementos galegos minoritarios de tipo independentista" malia advertir que "a prudencia aconsella agardar os resultados da investigación". Próxima á sede ourensá do PSOE onde estoupou o artefacto atopáronse pequenos cartaces co texto "Nom passar, perigo morte, bomba no PSOE".

Condena dos partidos
Dende o PP, o coordenador de Campaña, Xosé Crespo, afirmou que o acontecido "non vai influír nada na vontade dos galegos" e dixo que os responsábeis dos explosivos "non van conseguir enturbiar o proceso electoral en Galiza". "Ninguén tén que andar amedrentando para tentar influír nun sentido ou outro no seu voto", engadiu. Ao respecto tamén falou o conselleiro de Presidencia, Xaime Pita, quen subliñou que "estes actos violentos fánnos sempre os mesmos, e son moi poucos". Pita cualificou os ataques ás sedes políticas de "pataleta ou manifestación dos que de xeito permanente non cren nas liberdades e non lle teñen respecto aos cidadáns".

"Estes actos son unha ofensa grave ao pobo galego e máis nun momento no que a sociedade se dispón a escoller os seus lexítimos representantes", comunicou a executiva nacional do BNG. O Bloque critica accións que "repugnan á conciencia do pobo galego, co pacifismo coma un dos seus rasgos históricos".

Dende o PSdeG quítanlle importancia ao acontecido, que cualifican de suceso "absolutamente marxinal". En declaracións a Europa Press, o cabeza de lista polo PSOE na provincia de Ourense, Pachi Váquez, afirmou que "algún grupo de intolerantes haino en todas partes" e destacou que os socialistas centran a súa atención e traballan "moi ilusionados" no acto en Ourense onde este mesmo mércores participará o presidente do goberno central, José Luís Rodríguez Zapatero.


0/5 (0 votos)