Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
G>2005

Piden observadores internacionais

O colectivo Mar de Tinta solicitará a presenza de observadores internacionais nas eleccións do 19-X porque a historia recente demostra que "son unha fraude sistemática en beneficio dunha organización política clientelar".

- 07:48 02/06/2005
Tags:

O colectivo Mar de Tinta celebrará este xoves 2 de xuño unha "xornada de denuncia do engano eleitoral en Galiza" e explicará a súa iniciativa para garantir a legalidade do proceso que rematará o vindeiro 19 de xuño coa xornada de votación e o reconto de votos.

Entre outras iniciativas, o colectivo vai enviar a varias institucións e organizacións internacionais un escrito no que solicita a intervención e control do actual proceso electoral " por parte das institucións competentes e a arbitraxe de observatorios internacionais".

No escrito, Mar de Tinta asegura que "non hai xogo limpo" nas eleccións galegas pola constatacións sistemática de múltiples irregularidades: "votos de persoas falecidas, voto por correo sen as debidas garantías de identificación, carrexo interesado e condicionado de votantes, presións e ameazas sobre os votantes, as súas familias e patrimonios".

Nesa carta, o colectivo afirma que esta situación prodúcese "coa indiferencia da administración de xustiza e a reticencia dos partidos políticos a aprobar unha lei electoral na que a manipulación da vontade democrática dos cidadáns sexa considerada delito".

E conclúen: "Ante este fenómeno empobrecedor, que nos converte nunha sociedade dependente e supeditada ó mercadeo de favores; ante a desesperación que se está a apoderar do partido que exerce o goberno na Xunta de Galicia disposto a recorrer a todo tipo de manobras para garantirse un escano; ante a pasmo da sociedade que non acepta que esta situación se considere unha "peculiaridade soportable" decidimos acudir á súa institución, solicitando o envío de observadores e expertos que fagan un seguimento e valoración do proceso electoral iniciado recentemente en Galicia e que rematará o próximo 19 de xuño".

O acto de presentación da iniciativa terá lugar o xoves 2 de xuño ás 7 da tarde na Praza de Fonseca de Santiago.


0/5 (0 votos)