"Chegou a hora da sociedade civil". Con estas palabras iniciou Mabel Rivera a presentación do acto no que se fixo público en santiago o manifesto En nome da esperanza, xa vai. Ao Teatro Prinicipal, ateigado de público, acudiu unha ampla representación do mundo da cultura (Manuel Rivas, Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Xosé Miranda, Rosa Aneiros...), ex-deputados de correntes políticas dispares (Xosé Luís Barreiro Rivas ou Anxo Guerreiro) e os representantes da alternativa plural de goberno pola que apostan os asinantes do manifesto: o candidato do BNG, Anxo Quintana e o secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela.
"Somos o que está vivo no país e querémolo demostrar". Mabel Rivera comezou o acto de presentación do manifesto "No nome da esperanza, xa vai" lembrando que o que unía as persoas que o apoian é o mesmo espírito que convocou á cidadanía nas mobilización contra a xestión da catástrofe do Prestige e contra a guerra de Iraq. E que ese espírito extendíase á necesidade de que se produza un cambio autenticamente democrático en Galiza a partir das vindeiras eleccións.
O que está en xogo é un cambio de réxime
O acto contou coa presenza de voces procedentes de diferentes espazos políticos. De feito, foi Xosé Luís Barreiro Rivas, ex-vicepresidente da Xunta e na actualidade profesor na Facultade de Ciencias Políticas da USC, quen abriu as intervencións. Fíxoo recoñecendo que a súa opción política non era a mesma ca da maioría das persoas que o estaban escoitando, pero que participaba neste acto porque "vivimos nunha situación de excepción". De feito, asegurou que o que está en xogo nos próximos comicios non é unha alternacia normal de goberno senón "un cambio de réxime". Para Barreiro, Fraga "escolleu a forma do caudillismo populista para arrastrar votos" o que provoca na sociedade un estado "de caos e desvertebración que actúan como sistema de control político".
Control político, pero tamén complicidades
Barreiro insistiu en que é necesario realizar un análise da realidade galega non só desde o punto de vista do "asoballamento" senón tamén desde o da "complicidade": hai moitos cidadáns que se benefician da estratexia da Xunta de Fraga e outros que aínda que desexan un cambio "non son quen de perder o medo para actuar nun contexto modificiado". O profesor sinalou que o goberno do PP "fixo un país como os que buscan nos colectores de lixo: hoxe metemos unha mesa despacho, hoxe unha cama, hoxe unha lámpada... dependendo do que haxa ciscado por aí. Non existe un proxecto nin un modelo de país". E todo isto aconteceu, segundo Barreiro, con complicidades mediáticas, de colexios profesionais, das asociacións de empresarios, do mundo da cultura... Alertou tamén sobre o uso que se fixo dos fondos de cohesión que "serviron para tapar o desastre dun goberno ineficiente cun modelo minifundista e caótico".
Existe unha alternativa política plural
O ex-deputado Anxo Guerreiro coincidiu con Barreiro na necesidade dun cambio de réxime: "un réxime nunca sobrevive ao seu fundador. Pero agora asistimos ao desmoronamento conxunto do réxime e do seu fundador". De feito, Gerreiro non abandonou a analoxía e asegurou que "se Franco merreu na cama, o actual será derrotado nas urnas".Para Gerreiro é a primeira vez en toda a historia da democracia en Galiza que un numeroso grupo de cidadáns apoia publicamente unha mesma alternativa política plural coa intención de rexenerar a vida pública do país.
Por último, Manuel Rivas, Marilar Aleixandre e Suso de Toro deron lectura ao manifesto. Antes, o acto contou coas intervencións dos escritores María Lado, Mario Regueira, Xosé Miranda e Rosa Aneiros. Dos músicos e cantantes Uxía Pedreira, César Morán, Davide, Paco Ibáñez e Uxía Senlle. E do actor Carlos Blanco.