Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
''GALIZA E NORTE DE PORTUGAL: UN PATRIMONIO PARA O FUTURO''

Melgaço acollerá a festa galego portuguesa da "tradición oral"

Música tradicional, gastronomía, artes e oficios, teatro... máis de trescentas persoas farán a súa achega para un amplo programa de actividades a celebrar os vindeiros días 3, 4 e 5 de xuño na vila portuguesa de Melgaço. Será un gran encontro popular para darlle outro empurrón na recta final á Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués a Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

- 09:56 28/05/2005
Tags:

A meta do encontro é amosar que un concepto en principio abstracto, coma o patrimonio oral, pode ser visto como algo tanxíbel e real. En palabras de Santiago Veloso, presidente da Asociación Cultural "Ponte nas Ondas", búscase que a Unesco "coñeza como o patrimonio oral galego-portugués está aínda vivo pero en risco de transmisión ás novas xeración e polo tanto de desaparición", dúas das condicións que a Unesco poñía ás Candidaturas para a súa consideración.

Ao fío, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, destacou que "a cultura tradicional, oral e inmaterial, vive baixo a ameaza do esquecemento ou a desconsideración e tamén baixo o impacto das novas expresións culturais e das novas formas e técnicas de comunicación". E nese sentido subliñou "a importancia de chamar a atención sobre a necesidade de preservar, salvagardar e transmitir a cultura común ás dúas beiras do río Miño".

Ao respecto, o secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior da Xunta, Jesús Gamallo, recoñeceu que "a unión cultural entre Galiza e Portugal é unha das asignaturas pendentes dentro do marco de cooperación entre os dous países", logo de viren traballando activamente en aspectos económicos e materiais durante os últimos anos.

Lembrámoslles que a candidatura galego-portuguesa, promovida pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas ondas, foi presentada formalmente na Unesco polos gobernos de Portugal e de España en outubro. A resolución agárdase para novembro.


Ligazóns

0/5 (0 votos)