"Temos que pasar de ser contados, a contar, a que a nosa opinión conte", sublíñase nas conlusións do Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz celebrado en Santiago de Compostela esta semana, que pediu que o século XXI sexa "o século da xente" onde se teña "en consideración" a opinión dos pobos. "O diálogo, a negociación, o acordo, son as únicas vías para resolver democraticamente os conflitos. Non hai outras. Parafraseando a Mahatma Gandhi, o diálogo é o camiño, a paz e o camiño. Calquera atallo conduce a unha vía morta".
Unha minúscula porcentaxe do PIB global ou mínimas porcentaxes dos orzzamentos destinados á industria da morte, a do armamento "ou simplemente, unha pequena taxa sobre as grandes transaccións económicas e comerciais, serían máis que suficientes" para a resolución pacífica dos grandes problemas do planeta.
No seu balanzo, o Congreso destaca "a imperiosa necesidade" de que a Educación para a Paz e a Cidadanía democráticas, a Cultura da Paz, a solución pacífica de conflitos, a Educación para a Convivencia, os Dereitos Humanos, formen parte substancial dos currículos escolares, "desde a educación infantil ata a universidade, en todo o mundo". Iso si, advirten que a educación para a paz "non pode ser, responsabilidade exclusiva do profesorado ou da escola", e citan o vello proverbio africano: "para educar a un neno é necesaria a tribo enteira".
"As familias, espazo onde construímos a primeira cartografía dos afectos e dos sentimentos (...)
os medios de comunicación teñen un papel decisivo na transmisión de valores de paz, solidariedade, tolerancia e xustiza, por iso deben reflexionar sobre as consecuencias das súas mensaxes, autoregularse, para garantir ós máis cativos, a súa dignidade, os seus dereitos (...)
A guerra non é a solución. A guerra é o problema. Fronte do terrorismo, o dereito, non a guerra. O diálogo, a negociación (...)
Desaprender a violencia e a guerra empeza por un mesmo, porque os únicos demos que existen, están dentro do noso propio corazón. A autopacificación crítica, a procura da paz con un mesmo, con unha mesma, é o primeiro paso para construír a paz global.
Pero a paz global necesita de moitos máis compromisos, institucionais, dos gobernantes e dos gobernos, dos parlamentos, das empresas, das relixións, das organizacións supranacionais, da ONU e da UNESCO, que deben ser reformadas para evitar a contradición entre as democracias a escala local e as plutocracias a escala planetaria. As Nacións Unidas teñen que recuperar o seu carácter fundacional, a función para a que foi creada: "evitar ós nosos fillos o horror da guerra".