Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
G>2005

A Xunta sóbelles o soldo aos funcionarios en plena precampaña electoral

O Consello da Xunta aprobou unha suba salarial para os 20.000 funcionarios e persoal laboral que se sitúa, segundo a consellaría da Presidencia nun 4,34%, máis de 1 punto por riba do aumento establecido en setembro para os funcionarios da Administración Xeral do Estado. Esta suba, autorizada cando quedan pouco máis de tres semanas para as eleccións, decretouse unilateralmente pola consellaría de Xaime Pita sen previo debate na Comisión Superior de Persoal e sen a intervención dos sindicatos. A CIG-Administración acusou á Xunta de "electoralismo e falta de respecto no pagamento de 12 euros ao mes para o persoal funcionario e laboral".

- 17:33 26/05/2005
Tags:

Nunha nota de prensa, a propia consellaría afirma que "a ausencia onte de responsábeis sindicais na Mesa Sectorial de Funcionarios e na Xuntanza do Comité Intercentros, onde se tiña previsto abordar a cuestión do aumento retributivo, evidencia unha desatención das súas funcións. Malia iso, a consellaría de Presidencia decidiu promover esta acordo, aprobado hoxe polo Consello da Xunta".

A CIG considera un "insulto" e un "desprezo ás reivindicacións dos empregados públicos" a aprobación por parte da Xunta deste aumento salarial.

Para o sindicato nacionalista, o Partido Popular "pretende acalar as mobilizacións do persoal funcionario e laboral cun incremento equivalente a 4 racións de empanada ao mes".

A CIG lembra que "onte, a protesta conxunta de todos os sindicatos xuntou en Compostela a mil delegados do persoal laboral e funcionario para pedir a recuperación do poder adquisitivo (10,4% nos últimos 10 anos) e medidas de defensa dos servizos públicos contra a privatización e a utilización partidista e clientelar das adxudicacións a dedo e a contratación de persoal". Para a CIG, a Xunta "impón unilateralmente un incremento retributivo que máis parece "caramelo electoral" que unha proposta seria e rigorosa de compensar os salarios máis baixos a nivel comparativo co resto das Administracións".

A CIG anunciou que "rexeita" este incremento salarial e que o sindicato está disposto a continuar coas mobilizacións previstas. A seguinte é o paro convocado para o vindeiro 1 de xuño.


0/5 (0 votos)