Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
O DISCURSO INSTITUCIONAL DA DISCRIMINACIÓN

Homófobos e homofobadas

Representantes das institucións políticas e relixiosas teñen descuberto a súa cara máis homófoba nos últimos meses. Na escarnio dos dereitos do colectivo homosexual se teñen aplicado nos últimos meses a Conferencia Episcopal Española, o Consello Superior do Poder Xudicial, Manuel Fraga e mesmo unha recuada de alcaldes aguilloados polo propio Vaticano á desobediencia civil para impedir o matrimonio homosexual. Un artigo de Beatriz Suárez Briones, membra do colectivo Legais de Vigo.

- 11:31 26/05/2005
Tags:

Onte tiven un soño. Soñei que a Fiscalía Xeral do Estado investigaba de oficio (co mesmo celo que demostrou hai pouco tempo para ilegalizar determinadas listas electorais) a Manuel Fraga, á Conferencia Episcopal Española e ó mesmísimo Consello Xeral del Poder Xudicial.

Delito de homofobia

Todos eles son culpables de declaracións que entran de pleno no delito de homofobia tipificado no Código Penal de España nos artigos 510 e 515. O primeiro destes artigos di que "os que provocaren á discriminación, ó odio ou á violencia contra grupos o asociacións, por […] o seu sexo, orientación sexual [...] serán castigados coa pena de prisión de un a tres anos e multa de seis a doce meses". E prevé a mesma pena para "os que, con coñecemento da súa falsidade ou temerario desprezo da verdade, difundiren informacións inxuriosas sobre grupos ou asociacións en relación a […] o seu sexo, orientación sexual…", di o segundo

As fobias son medos irracionais que poden afectar de varias maneiras a persoas perfectamente saudables. A homofobia (ou medo intenso e sen razón ás persoas homosexuais), como calquera outra fobia, é unha doenza que perturba o funcionamento normal e racional da persoa, (des)cualifica ou marca a quen a padece, que necesita dun tratamento especial para curarse. Pertence ó grupo de enfermidades psico-sociais -como o racismo, a xenofobia ou o machismo- que se coñecen co nome xenérico de fascismo e que se fundamentan no odio ó outro, construído como alguén alleo, perigoso e ameazante.

Estigmatizando a homosexualidade

A homofobia, como as demais variantes do fascismo, pasiva ou activamente crea e consolida un marco de referencias agresivo contra lesbianas e gais identificándonos como persoas perigosas, viciosas, ridículas, anormais e enfermas, marcándonos con un estigma específico que é o cimento para as accións de violencia política (desigualdade legal), social (exclusión e escarnio públicos) ou física (ataques e asasinatos).

Pero, como o resto dos fascismos, a homofobia ten cura. A educación en materia de dereitos humanos é a clave para cambiar as actitudes e os comportamentos homofóbicos, e para promover o respecto pola diversidade nas sociedades.

Agora ben, mentres non se sometan á terapia da democracia, á familia homofóbica haberá que seguirlle lembrando que os dereitos humanos e as liberdades fundamentais son atributo de todos os seres humanos; que o carácter universal deses dereitos e liberdades é incuestionable e que o goce de dereitos e liberdades non debe verse obstaculizado en modo algún por motivos de preferencia sexual.

Un discurso patolóxico e ignorante

Un trazo característico das persoas homofóbicas é que o seu discurso, ademais de patolóxico, é case sempre patético e ignorante, e por iso se cura con libros, con lecturas, con viaxes, con arte, con cultura. E porque a mellor descualificación das persoas homofóbicas son elas mesmas, recollo agora unha escolma de homofobadas que, como profecía autocumprila, amosan que son ignorantes e fascistas:

As perlas cultivadas de Manuel Fraga, sempre en declaracións públicas: 1) a homosexualidade é provocada por "anomalías nos cromosomas" (sic), preclara validación dunha forma de determinismo biolóxico predarwiniano. Xaime Pita, aínda máis excesivo que o mestre, como acostuma ser o caso, afirma que "Tanto as Consellerías de Familia como a de Sanidade puxeron en marcha programas de apoio para estas persoas con anomalías" (sic). 2) os homosexuais son persoas que "nacen así por acci…; porque algo raro lle ten que pasar" ; 3) "Si nacen así pues qué se le va a hacer, pero que no digan encima que se ponen orgullosos de funcionar al revés".

Porén, o súmmum da homofobia, por difícil que pareza, non vén das filas do PP, senón xustamente da institución que máis veces ten sido condenada por abusos sexuais a menores: a Igrexa católica. Para empezar, o defunto Xoán Pablo II, no seu derradeiro libro, tachou á homosexualidade nin máis nin menos que de "unha ideoloxía demoníaca" (sic).
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº96, maio 2005