Os traballadores da CRTVG secundaron masivamente o primeiro dos paros convocados polo Comité Interempresas. Máis de 250 traballadores concentránronse no exterior das instalacións de San Marcos en demanda de mellores condicións laborais. Os representantes do comité de folga calculan que o paro foi secundado por máis do 90% dos traballadores da quenda da mañá que non estaban obrigados a cumprir cos servizos mínimos decretados pola Xunta. Nun comunicado a dirección da CRTVG asegura que a incidencia da folga foi dun 30%.
Un numeroso grupo de traballadores contratados sumouse ao paro e foi recibido na concentración con aplausos dos seus compañeiros con contrato estábel. Nun comunicado, a dirección da CRTVG afirma que "a incidencia cuantitativa da folga no conxunto da CRTVG e as súas sociedades foi inferior ao 30 por cento" e "agradece o comportamento de todos os traballadores en xeral e dos encargados dos servicios mínimos en particular, valorando que todos os servizos esenciais funcionaron con plena normalidade". Para o Comité Interempresas, o paro tivo un seguimento de practicamente o 100% do persoal.
Nun comunicado, o Comité Interempresas afirma, fronte a versión da dirección da CRTVG, que "a programación se viu afectada por esta folga co atraso en dez minutos do Telexornal 1 e a supresión do programa "A Revista".
O Comité interempresas, formado polos sindicatos UGT, CC.OO., CIG e USO, lembra "que esta folga foi convocada despois de 11 meses de infructuosas negociacións coa Dirección da CRTVG. Os paros continuarán o vindeiro día 29 e ao longo de diferente xornadas no mes de xuño, incluída a xornada electoral do día 19".
Con estas xornadas de folga os sindicatos "pretenden denunciar a precariedade na contratación que se rexistra dende hai anos nas empresas que conforman a CRTVG, ante o que se pide a estabilización do emprego nas tres sociedades".