Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
G>2005

Demasiados cartos para ser libres

A confrontación electoral e a perspectiva dun cambio no goberno da Xunta está provocando movementos no sistema dos medios de comunicación. Son quizais pequenos tremores en superficie, pero esta fin de semana abríronse algunhas fendas que probabelmente non deixen de medrar nas próximas semanas.

- 11:40 23/05/2005
Tags:

O sábado foi unha xornada singular: o mesmo día no que o Partido Popular presentaba o seu programa electoral no Hostal dos Reis Católicos, o xornal La Voz de Galicia publicaba unha enquisa electoral que prognosticaba a perda da maioría absoluta do partido de Fraga. Na mesma xornada, El Pais publicaba en portada unha noticia na que revelaba as cantidades millonarias que perciben da Xunta algúns medios de comunicación galegos a través de convenios "para informar das actividades do goberno autónomo e do seu presidente".

As circunstancias da publicación da enquisa de Sondaxe por La Voz de Galicia son tamén singulares. De feito, o inquérito fíxose esperar: un mes despois de que Fraga anunciase a convocatoria de eleccións. Ademais, por primeira vez, La Voz publica unha enquisa electoral en sábado (sempre o fixo en domingo) e renuncia a darlle continuidade nas edicións dos días seguintes coa publicación de novos datos e análises sectoriais. Na sección de Opinión deste xornal só un artigo analiza brevemente a enquisa e ao día seguinte na contraportada, o Xefe de Área de Galiza, Lois Blanco, encárgase se advertir que é so un inquérito e que nada está aínda decidido.

Reaccións airadas
Pero o realmente peculiar foi a reacción de La Voz á noticia de El País. Segundo o xornal madrileño, La Voz recibiu 420.000 euros da Secretaria Xeral para as Relacións cos Medios, que dirixe Alfonso Cabaleiro, en virtude de convenios de colaboración para informar sobre as actividades da Xunta e do presidente. Na edición do día seguinte, domingo, o xornal coruñés reaccionou con inusitada dureza: dedica a información de portada ás protestas dos concellos contra o goberno Zapatero polas axudas do Prestige e, na información electoral, tres páxinas sobre as actividades de pre-campaña do Partido Popular e unha breve noticia para informar non só de que o secretario de organización do PSOE, José Blanco, vai dirixir a campaña do seu partido en Galiza, senón que "parece disposto a coordinar os medios de información públicos que controla o Goberno na comunidade: Televisión Española, Radio Nacional de España e a axencia EFE". O autor da noticia vai máis alá: "A esta fronte informativa sumouse un influinte grupo de comunicación nacional que está pendente dun multimillonario favor mediático do Goberno e co que xa se empezou a traballar de forma continuada". Os ecos das palabras do editor de La Voz, Santiago Rey Fernández-La Torre, nunha intervención en Madrid resoan tras este párrafo. Daquela, Santiago Rey dixera: "Até aquí chegamos. É o momento de cruzar a rúa e defender a liberdade de información e oporse aos continuados intentos de amordazar a quen se atreve a contar a verdade, serenamente". Neste sentido, denunciou "o intento do Goberno de modificar unilateralmente a lexislación para consumar un novo caso de bochornoso amiguismo".

Sen dúbida, as relacións entre o Grupo Prisa e La Voz non están no mellor momento. Pero cal é a relación entre esta liorta empresarial e o horizonte dun posíbel cambio político en Galiza? E, sobre todo, en que medida o principal xornal do país, capaz facer o mellor xornalismo en servizo da sociedade nas primeiras xornadas do Prestige, pero tamén de variar a liña informativa se mudan determinadas circunstancias, está en disposición de disipar as dúbidas razoábeis sobre os seus compromisos económicos coa Xunta?

As subvencións aos medios incrementáronse na era Fraga
Desde que en xuño de 1996 a revista Galicia Internacional (hoxe Tempos Novos) publicase un dossier sobre os cartos públicos que a Xunta, a través de diversos convenios, destinaba aos medios de comunicación, nunca se volveran publicar estes datos. Daquela, o autor daquel informe sinalaba que "a chegada de Manuel Fraga á Xunta foi providencial para as arcas dos medios. Tanto que algunhas cabeceiras viven gracias á súa xenerosidade".


0/5 (0 votos)