"O núcleo do proxecto nacionalista é a igualdade de oportunidades". Así definiu Anxo Quintana a idea central do programa co que o BNG se presenta ás eleccións nun acto no que estivo acompañado dos cabezas de lista das candidaturas. Quintana asegurou que entende o programa nacionalista como "un contrato cos cidadáns" que ofrece "decencia política, diálogo e participación" fronte a "representación, opereta e propaganda da Xunta do PP".
O programa do BNG estrutúrase arredor de tres eixos: a relación de Galiza co Estado e Europa, as políticas de igualdade e benestar e o equilibrio territorial e a sustentabilidade. No primeiro dos puntos, Quintana comprometeuse a presentar no parlamento galego durante a primeira sesión da próxima lexislatura un proxecto de Novo Estatuto e a reclamarlle ao Estado a débeda histórica con Galiza, que o BNG cigra en 20.000 millóns de euros.
En relación coas políticas de igualdade e benestar, Quintana nomeará, no caso de que alcance a presidencia da Xunta, unha vicepresidenta da Igualdade que será a encargada de garantir e coordinar a política de todo o goberno galego neste ámbito. Tamén comprométese a dedicar o 1,1% do PIB a políticas activas de emprego para conseguir crear 50.000 novos postos de traballo de calidade. No campo do ensino, o BNG recolle no seu programa a posibilidade de acadar a media europea en investimento no ensino primeiro e secundario (6,6% do PIB) e no ensino superior (1,2% do PIB). Comprométese ademais a aumentar o número de bolsas de estudo, o número de prazas en residencias universitarias e nas garderías. Duplicar os programas de asistencia a domicilio, xeneralizar a teleasistencia e crear 10.000 novas prazas para persoas asistidas son algunhas das medidas do BNG en relación coa persoas de máis idade. Canto o dereito á vivenda, o BNG anuncia que porá no mercado 20.000 vivendas protexidas en réxime de aluguer.
No eixo que recolle as políticas sobre equilibrio territorial e sustentabilidade, Quintana comprométeuse a enviar ao parlamento no primeiro periodo de sesións unha nova Lei de Ordenación Urbanística de Galiza, a garantir o saneamento integral das Rías e a mellorar o desenvolvemento rural levando os servizos aos cidadáns e fomentando as actividades industriais propias do mundo rural, como as relacionadas co sector forestal e da madeira.
Quintana mostrouse "satisfeito" co programa do BNG porque "se presenta como unha forza política lista para gobernar" e cualificouno como "o máis aberto, participativo e innovador dos que calquera forza política fixera nunca en Europa". De feito, Ánxela Bugallo lembrou que o programa do BNG elaborouse despois "de máis de 300 xuntanzas con representantes dos diversos sectores sociais e a participación directa de máis de 5.000 persoas". Quintana reafirmou o carácter de "contrato coa cidadanía" do programa do BNG anunciando que non se volvería presentar ás eleccións no caso de que despois de catro anos de goberno non conseguise "realizar unha avaliación positiva do programa".