Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
APOIO Á DECLARACIÓN DO PATRIMONIO ORAL E INMATERIAL

Cincocentos nenos gravan un vídeo-clip sobre a tradición musical galego-portuguesa

Cincocentos nenos galegos e portugueses gravarán o xoves 19 de maio na vella ponte internacional Tui-Valença un video-clip para o tema central do libro-disco-dvd "Meniños cantores" promovido por Ponte nas Ondas. Esta actividade está enmarcada na candidatura da declaración do patrimonio oral e inmaterial galego portugués como obra mestra da humanidade ante a Unesco.

- 11:48 18/05/2005
Tags:

Quince escolas de Galicia e do norte de Portugal desenvolveron, a partir da primeira proclamación en 2001 das primeiras obras mestras do patrimonio inmaterial, o proxecto musical "Meninos cantores" concibido como un traballo elaborado co patrimonio musical galego-portugués realizado por nenos, mozos, profesores, músicos e artistas galegos e portugueses.

O proceso consiste na recreación e na plasmación da tradición musical transmitida a partir das aulas de escolas galegas e portuguesas. O resultado final, previsto para o mes de xuño, vai ser gravado nun disco-libro con soporte audiovisual, integrado por 32 cancións cunha pista interactiva con fotografías, letras e partituras. Terá tamén un dvd cun documental sobre as culturas e costumes, os lugares de procedencia dos temas musicais e a localidade onde está a escola, vídeo-clips do proceso de gravación, un making off da realización do traballo, karaokes dos temas do disco, sen voz e só coa música.

O traballo gráfico contará, ademais, cun libro con fotografías dos lugares de procedencia, a escola, os grupos de alumnos, ensaios, gravación e textos dos temas e referencias a súa orixe tradicional ou de creación, contexto, xénero e estilo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)