Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVO PANORAMA AUDIOVISUAL

A Xunta apura para controlar a concesión de licenzas da TDT

Hoxe comeza oficialmente a carreira por facerse con algunha das dúas licenzas de TDT autonómica ou con algunha das 63 locais. O DOG publica os criterios que regularán os concursos públicos da Televisión Dixital Terrestre, que deberán resolverse o 4 de agosto como moi tarde. O BNG e o PSOE consideran que a decisión debería apartarse do proceso electoral e que os concursos tería que resolvelos o novo executivo que salla das eleccións do 19 de xuño. O goberno do PP segue adiante na súa teima de deixar listo o futuro panorama audiovisual galego o antes posíbel. Tamén hoxe o Consello da Xunta acordou sacar a concurso 6 radios autonómicas e 66 locais.

- 09:20 12/05/2005
Tags:

O prazo para presentar as proposicións para os concursos da TDT remata o día primeiro de xuño e a apertura dos sobres farase o día 17, é dicir, o venres anterior ás eleccións. Desta maneira, o goberno en funcións aínda terá un marxe de manobra dun mes para conceder as licenzas, xa que a a sesión de constitución do novo Parlamento será o 18 de xullo.

Os aspectos que se valorarán tanto nos concursos da TDT autonómica coma nos da local son practicamente os mesmos. A Xunta deseñou un baremo de ata 450 puntos distribuídos en tres capítulos de 150 puntos cada un: proposta técnica, proposta económica e programación. Sen embargo a proposta de emitir en galego o cen por cen da programación só valerá 30 puntos sobre o total. Ademáis, se unha proposta recolle o compromiso de emitir tan só o 51% obtería 29 puntos. É dicir, os concursantes obterán practicamente a mesma puntuación aínda que propoñan a metade de programación en galego.

A celeridade coa que a Xunta quere ter definido o novo panorama audiovisual galego choca coa normativa estatal que nestes momentos está en fase de tramitación pero que entrará en vigor en menos dun mes. Nela recóllese que as concesións serán por un periodo de dez anos para que os concesionarios poidan amortizar os investimentos, mentres que a normativa galega limita ese tempo a cinco anos no caso dos programas locais. O paquete de medidas de impulso da TDT do Estado tamén establece unha moratoria no prazo de resolución dos concursos, que pasa do 4 de agosto vixente ao 31 de decembro deste ano.

A publicación dos pregos dos concursos da TDT cadra coa decisión do Consello da Xunta de conceder tamén licenzas para a radio dixital. En total sairán a concurso 72 emisoras, seis de ámbito autonómico e 66 locais. Neste caso os concesionarios non poderán participar no capital de máis de dúas emisoras do mesmo ámbito de cobertura. Sen embargo si poderán facelo se o ámbito de cobertura dunha non supera o 20 por cento do da outra. É dicir, unha cadea podería ter unha emisora de ámbito autonómico e ao mesmo tempo outra de ámbito local. No tocante á lingua, o galego volve saír mal parado. Dun mínimo de 14 horas diarias de emisión os concesionarios só terán obriga de emitir en galego sete horas.


0/5 (0 votos)