Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTO

No nome da esperanza, xa vai

Texto do manifesto presentado por un grupo de intelectuais e persoas procedentes do nacionalismo e da esquerda para impulsar un "verdadeiro cambio político en Galiza".

- 11:14 11/05/2005
Tags:

"NO NOME DA ESPERANZA, XA VAI

A proposta que presenta o PP á sociedade galega para seguir ocupando o goberno da Xunta é impropia do tempo que vivimos. Condena ao noso país a seguir atrapado no tempo, a continuar encerrado nunha anomalía que xa non pode continuar.Oferta a parálise dun proxecto esgotado, agora so ocupado do reparto da herdanza dun poder exercido como en finca propia.

O balance das luces e das sombras deste longo período de goberno protagoni¬zado por Fraga Iribarne non pode ser positivo: o resultado global é que, tomando como referente o progreso de España, Galicia non só non avanzou en termos económicos e sociais senón que recuou e, así, a nosa mocidade mellor formada segue emigrando. Despois de 16 anos preséntasenos como a meirande expectativa de futuro continuar no pelotón das rexións europeas máis atrasadas.

A nosa saúde democrática está gravemente danada polo clientelismo e o amiguismo, pola falla de transparencia, pola manipulación informativa denunciada polo Valedor do Pobo. O goberno galego ofrece a imaxe penosa dun poder ensoberbecido e insensible ás preocupacións dos cidadáns mesmo cando nos golpea o desastre.

Esta situación non se corresponde coa sociedade que somos, non somos como a imaxe que proxectou todos estes anos esta Xunta. Hai un país vivo e dinámico que xa existe, de costas á falta de operatividade do poder político. Un poder político que fracasou estrepitosamente nunha Galicia sumida na súa peor crise demográfica, cunha poboación envellecida e que segue a expulsar á xente nova.

Este período político que agora se cerra foi dun control absoluto da sociedade, mais a sociedade civil resistiu e foi quen a demostralo repetidamente nos últimos anos: mantivo a esperanza. Esa esperanza é un ben do que dispón o noso país e que agora debe ser administrado con sentido da responsabilidade polas forzas políticas que configuran a alternativa, que deben ofrecer á sociedade vontade de diálogo e entendemento para un novo goberno capaz de mobilizar as enerxías, capacidades e iniciativas deste país.

No nome desa esperanza chamamos a todos os galegos e galegas a que abran as portas a un novo tempo que afronte os graves problemas do país, e que afirme o autogoberno e a liberdade das persoas.

Un novo tempo que nos convoca a tódolos cidadáns a colaborar activamente para darlle paso a unha sociedade libre e democrática, moderna e tolerante, participativa e solidaria, responsable e disposta a traballar esforzadamente para avanzar na democracia transparente, no autogoberno e no desenvolvemento económico e social de Galicia.

No nome da esperanza:
Participa no proceso electoral.
Xa vai"


0/5 (0 votos)