Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"EN NOME DA ESPERANZA, XA VAI"

Na procura dun novo tempo político

"É a primeira vez en toda a historia da autonomía que persoas procedentes do ámbito da esquerda e do nacionalismo nos poñemos de acordo a prol dunha alternativa plural de goberno". Con estas palabras, o ex-deputado Anxo Guerreiro, quixo significar a transcendencia e a oportunidade do manifesto No nome da esperanza, xa vai, elaborado por "un grupo de persoas que pretenden axudar a impulsar e asegurar un verdadeiro cambio político en Galiza" desde as vindeiras eleccións. Na presentación do manifesto compartían mesa, xunto con Guerreiro, os escritores Suso de Toro e Marilar Aleixandre; Rosa Maside, de Burla Negra e Antón Losada, profesor de Ciencias Políticas, que, ao final, trasacordou despois dunha polémica con Suso de Toro. Os organizadores anunciaron que o día 28 deste mes celebrarán un gran acto en Santiago ao que están convidados Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño.

- 07:26 12/05/2005
Tags:

Na presentación do manifesto, Marilar Aleixandre destacou que se trata dunha iniciativa da sociedade civil "que cre que o cambio é posíbel". Aleixandre insistiu en que "non se pide o voto para ningún partido concreto", pero si ás forzas que poden facer posíbel unha alternativa ao goberno do PP. Esta iniciativa, segundo os organizadores, participa do ronsel de mobilizacións da sociedade civil durante a catástrofe do Prestige e contra a guerra de Iraq. Este grupo de persoas pídelles agora á sociedade galega "que mobilice especialmente á xente nova e vaia votar para que se produza o verdadeiro cambio".

Anxo Guerreiro insistiu en que non se trata só dun manifesto, senón do inicio dun proceso de mobilización da sociedade. De feito, os organizadores comprometéronse a realizar actos de presentación deste texto na maior parte de Galiza. Un gran acto en Santiago, ao que están convidados Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño, será o momento álxido da mobilización.

Pola súa parte, outro dos autores do manifesto, Suso de Toro, advertiu que "sendo un manifesto político, non ten unha ideoloxía concreta. Nace da reflexión dunha serie de cidadáns que fan un balanzo maioritariamente negativo da era Fraga e queremos un novo tempo político. Un goberno que represente á sociedade galega nova".

O manifesto foi unha iniciativa de Suso de Toro e Manuel Rivas que cobrou corpo nas últimas semanas. A iniciativa canalizarase entre outras instancias, a través da web da Rede Galega da Cidadanía que se presentou onte.

Neste momento, o manifesto foi asinado por máis de 80 persoas, entre elas, Rosa Aneiros (escritora), Marilar Aleixandre (escritora), Luis Álvarez Pousa (xornalista), Felipe Arias Vilas (director museo Vilalonga), Manuel Bragado (editor), Xosé Mª Bello Diéguez (director Museo de San Antón), Alfredo Bermúdez de Castro (profesor), Fermín Bouza Álvarez (profesor e escritor), Xan María Castro Paz (secretario xeral de CC.OO. Galicia), José Luis Cuerda (director de cine), Ramón Chao (escritor e xornalista), José Luis Dalda Escudero (arquitecto), Pedro de Llano (arquitecto), Xesús Díaz Díaz (sindicalista), Ángel Ezama (economista), Xoán Xosé Fernández Abella (escritor), Rosa Franco Maside (investigadora), Benedicto García Villar (profesor), Anxo Guerreiro (analista político), Xoán Guitián (bibliotecario), Antón Leis García (avogado), Ramón López Facal (profesor), José Luis Losa (xornalista), Antón Losada (profesor e xornalista), Juan Lojo (informático), Ramón Máiz Suárez (profesor), Mar Martín (médica), Xulio Maside Medina (pintor), Xesús Mosquera Sueiro (secretario xeral de U.X.T. de Galicia), Manuel Rivas (escritor), Rosa Segura Iglesias (profesora), Auora Plata Casais (profesora), Carlos Tena (xornalista), Luis Tosar (actor), Santiago Barciela (profesor), Suso de Toro (escritor), Uxía Senlle (cantante), Víctor Manuel Santidrián Arias (historiador), Xurxo Souto (escritor), Ana Viña Segura (estudiante), José Paraños Pardo (profesor), Manuel Lago (economista)...


0/5 (0 votos)