Os milleiros de desprazados en Uganda, a inseguridade en Somalia... Trátase outro ano máis de levar a atención de cidadáns e responsábeis políticos sobre crises esquecidas que precisan do compromiso internacional para resolvérense, ademais de problemas ou experiencias que a institución internacional quere destacar.
"Cando menos a un cego a xente axúdalle", di unha muller que sufriu de fístula, enfermidade sobre a que as Nacións Unidas queren chamar a atención en 2005. Segundo os datos da OMS, máis de dous millóns de persoas viven con este problema en países en desenvolvemento e cada ano hai entre 50 e 100 mil novos casos. Enfermidade descoñecida nos países ricos, nas zonas máis pobres do planeta milleiros de mulleres chegan a ser apartadas das familias por un problema que sería tratábel de dispoñer dos medios axeitados.
"É incríbel a pouca atención internacional que ten recibido esta crise e as dificultades para traballar a prol dos cativos e a súa reintegración", di Jan Egeland, responsábel da oficina da ONU para a coordinación de Alertas Humanitarias. Refírese especialmente á situación en Uganda, que logo de pasar fugazmente polas primeiras planas dos xornais e televisións, pasa ao esquecemento nun momento en que é clave intensificar a axuda especialmente aos cativos da zona afectados polo conflito, onde 1,6 millóns de persoas foron desprazadas dos seus fogares.
Promover, axudar e reforzar a creación e desenvolvemento de "novos actores polo cambio", é outra das prioridades da ONU, que subliña o aumento en todo o mundo dos colectivos de axuda humanitaria e defensa dos dereitos cidadáns.