Tres empregados de limpeza da empresa Mainfer e un técnico dunha empresa auxiliar foron atopados mortos na mañán deste mércores na factoría ferrolá de Navantia. Os catro traballadores, Ana Paz Vilariño, Eduardo González Val, Juan Carlos del Real Gamundi e José Luís Veiga Infante, morreron asfixiados nun tanque de popa da fragata norueguesa Roald Amudsen, que tiña prevista a botadura para o próximo 25 de maio. Un dos falecidos, José Luís Veiga, traballador da empresa Tecnymo, morreu cando accedeu ao tanque para tratar de axudar aos seus compañeiros. Segundo Radio Fene, a emanación de gases provocou a morte dos catro traballadores. "Caeron como paxariños", dicíalle á emisora a primeiras horas desta mañá un membro do comité de empresa. O concello de Ferrol decretou dous días de loito e a esta hora paralizouse por completo a actividade do estaleiro. Este é o terceiro accidente laboral que se produce nos estaleiros ferroláns en pouco máis de dúas semanas. De feito, a finais do mes pasado xa morrera un traballador por causa dunha explosión e hai poucos días tamén se feriu de gravedade outro operario. Coma no caso do suceso de hoxe, todos pertencían a compañías auxiliares.