Non hai moitos días que o Valedor do Pobo presentaba o seu informe anual, onde aparecían na cima da lista as queixas polos problemas da sanidade pública galega. Desta volta, o novo pau para o Sergas chega dende o barómetro sanitario do Centro de Investigacións Sociolóxicas, que amosa o descontento dos galegos coa situación do noso sistema sanitario. No gume do aprobado, recibe unha baixísima cualificación, dun 5,40 sobre dez, moi por baixo da que lle dan os asturianos á súa sanidade, os máis satisfeitos, cun 7,40.