A editorial Xerais vén de comunicar a data de entrega dos Premios Xerais e Merlín, que terá lugar o 11 de xuño na illa de San Simón, escenario que xa se quixo empregar na pasada edición pero que finalmente se anulou debido ao accidente o buque Bahía. Un total de 30 obras concorren á XXII edición dos Premios Xerais de Novela e 27 fano no XX edición dos Premios Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil.
O nome dos finalistas desde dous premios coñecerase o 4 de xuño e os encargados de escoller entre as 30 obras presentadas ao Premio Xerais de Novela: o xornalista Alberto Pampín, a profesora de francés e tradutora Emma Lázare, o libreiro Ariximiro Blanco, a profesora en Filoloxía e Tradución de Vigo Beatriz Suárez e filóloga Anaír Rodríguez. Como representante da editorial, con voz pero sen voto, formará parte do xurado o escritor Fran Alonso.
O xurado do Premios Merlín compóñeno estudantes de bacharelato: Ana Campos e Gabriela Martínez do IES Rosais II de Vigo, Víctor Míguez do IES La Salle de Santiago. A eles únense o ilustrador Serafín Lorenzo, Miguel Vázquez-Freire como co-director da colección Merlín e como representante de Xerais, con voz e sen voto, Helena Pérez.
A entrega dos premios coincide ademais coa clausura dos actos conmemorativos polo XXV aniversario da editorial e na cerimonia entregarase tamén o IX Premio de Cooperación no Labor Editorial.