"A primeira medida como presidente será a democratización dos medios públicos", afirmou o voceiro nacional do BNG, "en Galiza os medios públicos non son nin libres nin independentes" criticou o secretario xeral do PSdeG. Os candidatos da oposición trouxeron estes días a primeiro plano a preocupación pola presión da Xunta aos medios de comunicación e a denuncia dos "mecanismos perversos" que son usados polo poder político para o control mediático. A nivel internacional, a UNESCO aproveita este día para subliñar que os atrasos na liberdade de expresión lle afectan tamén as "democracias asentadas" e diversos organismos internacionais denuncian que milleiros de traballadores de medios foron detidos, ameazados e agredidos e preto de oitenta xornalistas foron asasinados en 2004, a maior cifra en vinte anos.