Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
LAMATUMBÁ: LUME PARA QUE SAIA O SOL

Trece cancións de amores e conciencias

Lembro o primeiro concerto que vin de Lamatumbá. Foi na praza do Toural, en Compostela, fará cinco anos, e aquilo converteuse nunha gran festa onde combinaban emoción, sentimentos, gañas de expresarse libremente... Agora, presentan o seu último traballo LUME, para que saia o sol. Unha crítica de Xosé Bocixa.

- 15:58 28/04/2005
Tags:

Naqueles concertos organizados pola AMELGA, Lamatumbá foi sobre todo un descubrimento para moit@s persoas que estábamos desconectados da movida musical ourensá.

Iso é o que reflexa este traballo gravado entre outubro e novembro do 2004 nos EstudiosGárate de Andoain. Ico está na voz, Samuel e Angel nos ventos, Cris co acordeón, Carlos e Adrian ás percusións, Toño e Abraham retellan nas guitarras e Pedro co baixo eléctrico. Contaron con colaboracións de amig@s bos profesionais. Guadi Galego regaloulles parte da súa voz, Iván Varela deulle cor co seu saxo, acordeón e voces Diplomáticas de Manolo Maseda e Lola de Ribeira e a voz do actor Fernando Dacosta. O deseño gráfico é de David Rubín, que foi quen de conseguir que miremos de xeito doado. A gravación e produción é de Kaki Arkarazo, mentres que a materización correu a cargo Jesús Arispont, produtor de bandas ben coñecidas a nivel estatal. O traballo foi editado por Falcatruada aínda que quen se molla e arrisca é a propia banda.

Neste traballo nótase que o grupo xa ten o seu mundo de sons e ritmos máis claros, todo sona máis expelido e compacto, se cadra debido a esas horas de directo nos últimos anos, incluída xira polo estado con Bersuit, todo un puntazo e un luxo. Agora están de novo na ruta para presentar estas catorce pezas nas que todo cabe. Están xa de novo metidos "nun barco que se move sen fin por un océano de LUME".

Reggae, ska, rumbita..., ritmos quentes que ben poderían chegar de Brasil ou de México, pero que chegan desde Ourense. Compostela, Lugo, Vigo, A Coruña...xa puideron gozar do seu directo e agardamos moitas máis oportunidades este ano. Tamén soarán noutras cidades do estado nas que xa está pechada a data de presentación, caso da sala Gruta 77 de Madrid.

Lume, para que saia o sol reflexa o que pode ser o seu directo, "unha historia de lume e de soles, un conto que quenta o corazón e move os pés. Que enche os nosos oídos con músicas traídas de todos os lugares do mundo". Pódese dicir que Lamatumbá esta patroneado polo espírito de Cuco de Velle, un home sempre presente na inspiración creativa da banda, un home que forma parte da historia musical de Galiza, coma tantas persoas que merecerían ser recoñecidas a dia de hoxe. Benvido este segundo disco de Lamatumbá que arrecende a mares tropicais e a rías galegas, que nos coloca no día da festa grande cando soan as charangas entre o lusco e fusco.

Xosé Bocixa. bocixa@wanadoo.es


0/5 (0 votos)