As mortes por causas laborais poderían ser ata sete veces máis das que quedan oficialmente rexistradas, segundo coinciden en denunciar os sindicatos. Xa que logo, acusan ás mutuas de accidentes laborais e enfermidades profesionais de enviarlle ao sistema público de saúde oitos accidentes de traballo camuflados coma enfermidades comúns, agochando a súa orixe laboral. Ao tempo, as forzas sindicais insisten en que é necesario reducir os niveis de temporalidade para que diminúan os problemas de saúde e accidentes no traballo.
Só no que respecta ás cifras de mortes debidas á exposición a axentes químicos, os sindicatos manexan datos que advirten da morte nos últimos anos de ata catro mil persoas por este motivo, mentres o ministerio de Traballo apenas recoñece catro falecidos en todo o Estado por esta causa.
É exemplo, segundo denuncian CCOO e UXT, na súa convocatoria conxunta con motivo do Día Internacional da Saúde e a Seguridade no Traballo, da existencia dun subrexistro en materia de accidentes laborais no que teñen responsabilidade empresarios, mutuas profesionais e a administración, por non esforzarse no control das prácticas fraudulentas de ocultamento de enfermidades profesionais.
Os sindicatos aseguran que cando menos un 16% dos problemas que pasan á estatística coma "enfermidades comúns", son en realidade enfermidades provocadas por causas laborais.