Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMUNICADO DE ATURUXO, FEDERACIÓN DE COLECTIVOS DE GAIS, LESBIANAS, BISEXUAIS E TRANSEXUAIS

Os colectivos de homosexuais pídenlles aos partidos políticos que combatan a homofobia interna

Os colectivos de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais de Galiza pídenlles aos poderes públicos que garantan o cumprimento das leis e a protección dos dereitos dos cidadáns, logo das declaracións e posicionamentos de diversos alcaldes, contrarios á aplicación da reforma do Código Civil sobre o matrimonio. Ao mesmo tempo, solicítanlles ás direccións dos partidos políticos que actúen con claridade para erradicar a homofobia das súas organizacións. Os colectivos, agrupados na Federación Aturuxo, insisten en que, ademais de xustas e merecidas reformas legais, son necesarias campañas sociais para erradicar a discriminación e a homofobia en todos os ámbitos da vida, incluída a política.

- 16:12 27/04/2005
Tags:

A federación de colectivos LGBT de Galiza amosa a súa perplexidade ante as declaracións homófobas e intolerantes de distintos cargos públicos (maioritariamente do Partido Popular, aínda que tristemente, tamén do PSdeG) trala aprobación, por unha cómoda e diversa maioría, da reforma do Código Civil que lles permite casar ás persoas do mesmo sexo. As reticencias a tramitar e oficiar os matrimonios entre homosexuais son unha nova mostra da intolerancia do PP fronte á pluralidade de opcións persoais. Pero, ademais, esta posición é claramente un desacato e un incumprimento flagrante da lei e sitúa os cidadáns dos concellos onde estes alcaldes gobernan nunha situación de desprotección e desigualdade.

Ademais, a Federación Galega de Asociacións de Lesbianas, Gais, Bisexuais e Transexuais – ATURUXO quere denunciar a "barra libre" coa que actúan determinados cargos públicos para, en nome de liberdade de expresión, cometer claros delitos de homofobia e de promoción da desigualdade, perseguidos explicitamente pola lei. Os colectivos confían en que os poderes públicos tomarán medidas para combater estas manifestacións homofóbicas. Entre elas está, tamén, a do alcalde da Coruña e senador do PSdeG-PSOE, Francisco Vázquez, escolleito con base a un programa que recollía explicitamente a legalización dos matrimonios homosexuais. Para os colectivos, "a súa decisión de votar contra a reforma do Código Civil no Senado, pero especialmente os seus comentarios homofóbicos e discriminatorios, deberían atopar freo no interior do seu partido.

Con respecto ao posicionamento dalgunhas personalidades da xerarquía da Igrexa católica, os colectivos gais, lésbicos e transexuais de Galicia lembran a positiva existencia de católicos, crentes e practicantes, homosexuais, bisexuais e transexuais, con ou sen parella, que son ben acollidos nas súas comunidades parroquiais. Para os colectivos LGBT, a intolerancia e a indución á desobediencia civil deberían desaparecer dun discurso supostamente baseado no amor e o respecto mutuo. "A confusión entre os dereitos civís de todos e todas e as crenzas relixiosas de cadaquén está afectando moi gravemente o desenvolvemento de políticas sociais xustas e aconfesionais", engaden as asociacións de gais e lesbianas, que precisan que "a salvagarda dos dereitos das persoas como cidadáns non pon en perigo o matrimonio heterosexual ou relixioso ou a familia tradicional".

Por iso os colectivos LGBT de Galicia reclaman que as reformas legais se acompañen de campañas de promoción social, que traten de erradicar a discriminación e a homofobia en todos os ámbitos da sociedade e nesa liña, o lema do Orgullo 2005 que organizarán no vindeiro mes de xuño virará ao redor da necesidade dun cambio social.


0/5 (0 votos)