Nos dous primeiros meses deste 2005 rexistráronse un total de 7.284 sinistros no ámbito do traballo en Galiza, cun incremento especialmente forte no sector da construcción, un 18% máis respecto ao ano anterior e 17 falecidos, segundo as cifras citadas por UXT. Dende a CIG advirten que as cifras galegas duplican as do resto do Estado e denuncian que "en Galiza morrer traballando estase convertendo en algo habitual sen que se tomen medidas". "Traballo san e seguro, é o teu dereito", é lema conxunto de CCOO e UXT para o día internacional que se celebra este xoves.
"Perda de productividade, gastos por incapacidade temporal, pensións da Seguridade Social, sancións da Inspección, recargo de cotas, maquinaria, materiais, instalacións, tempo de traballo, contratación de novos traballadores para substituír aos accidentados e gastos de indemnización por responsabilidade civil...". Á beira dos custos sociais dende UXT lembran tamén a importancia do custo económico da sinistralidade, que en Galiza e segundo datos do ano 2003 quedou preto dos 600 millóns de euros.
Dende a CIG destacan tamén que hai "milleiros de traballadoras e traballadores que non aparecen nas estatísticas oficiais que padeceron unha enfermidade profesional camuflada como enfermidade común" e critican que nos caixóns de consellarías, mutuas e empresas hai un feixe de historias clínicas agochadas que deberían servir para a elaboración por parte das administracións de "mapas de riscos, estudos epidemiolóxicos, intercambiar información, en definitiva, facer da Vixilancia da Saúde e dos recoñecementos médicos, un instrumento de prevención". Así, aseguran que a baixa cifra de enfermidades profesionais no Estado, débese aos "empresarios irresponsábeis" e as administracións que contribúen a "falsear as situacións e incumprir a lei".