Aínda que semella que comezou hai tempo, a campaña electoral oficial principiará na noite do 3 de xuño coa tradicional pegada de carteis e rematará o venres día 17. Así consta no decreto que asinou o presidente da Xunta e que mañá publicará o DOG. De feito, hoxe é o último día da sexta lexislatura do parlamento galego. Mañá disólvese a cámara e constitúese a Deputación Permamente que estará en funcionamento até que haxa novo goberno. O parlamento que resulte das eleccións reunirase por primeira vez o día 18 de xullo e a data límite para a sesión de investidura do presidente da Xunta será o xoves 18 de agosto. Os deputados despedirán a lexislatura coas sesións das comisións de Agricultura e Administración Xeral e a presentación do informe anual do Valedor do Pobo.