O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Emilio Pérez Touriño, explicou que "Fraga decide o adianto, como era previsible, a partir da constatación da realidade de que non podía aguantar seis meses máis de desgaste, seis meses máis de intensa campaña electoral". "Non podía conter a hemorraxia electoral que se viña producindo e que se manifesta no descenso do apoio cidadán ao PP", dixo Touriño.
Touriño afirmou que "dende hai un mes, reiteradamente todas as enquisas e todos os datos revelan que hai unha caída importante no PP, elección tras elección". "A pesar de que o adianto obecece a unha estratexia do PP, son optimista, creo neste país, na súa necesidade de cambio e de renovación e sei que estas van ser as eleccións do cambio", indicou o candidato.
Para o secretario xeral do PSdeG, "o importante é o desexo maioritario, que se expresará nas urnas, de fortalecer un goberno co que cambie a forma de facer política neste país, que aposte por un novo talante coma un goberno novo, diferente, que mire cara adiante e que emprenda o camiño da renovación e da modernización de Galicia".