Fraga despexou a incógnita e confirmou que convocará eleccións autonómicas o domingo 19 xuño, catro meses antes do final da lexislatura. É a primeira vez desde 1989 que Fraga utiliza a súa potestade como presidente da Xunta para adiantar os comicios, unha decisión que nos últimos meses rexeitara arreo. Tanto a dirección do PP como a maioría dos homes fortes do PPdeG recomendáronlle a Fraga que non adiase por máis tempo a convocatoria de eleccións. Fraga afirmara o pasado luns que tomaría a decisión "cando lle conveña a Galiza", aínda que inmediatamente asegurou que o que lle convén a Galiza é que o PP siga gobernando a Xunta. Cabe pensar, polo tanto, que o PP manexa enquisas que o volven situar preto da maioría absoluta. Para o PSOE, o adianto electoral ten que ver co feito de que en outubro xa se coñecería o proxecto de orzamentos xerais do estado para 2006 que o executivo de Zapatero podería utilizar para anunciar importantes investimentos en Galiza.