Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
G>2005

Perfilando as listas electorais

Unha das primeiras consecuencias do adianto dos comicios autonómicos é que se acelera o proceso de elaboración e presentación das listas electorais. Aínda que todas as formacións políticas xa teñen practicamente rematadas as candidaturas, só o BNG anunciou oficialmente os cabezas de lista para as vindeiras eleccións.

- 11:46 21/04/2005
Tags:

Polos nacionalistas, o portavoz nacional, Anxo Quintana liderará a lista da Coruña; Carme Adán, a de Pontevedra; Fernando Blanco, a de Lugo e Iago Tabarés, a de Ourense. O BNG tamén deu a coñecer o segundo posto pola Coruña, que ocupará a adxunta á portavocía, Ánxela Bugallo. Despois de que o proceso de elaboración das listas fose o detonante da renuncia de Xosé Manuel Beiras á presidencia do Consello Nacional do BNG, Quintana declarou que o traballo da dirección está centrado en que Galiza "teña por primeira vez un presidente nacionalista". A Executiva do Bloque terá que propoñer nos próximos días os nomes que completarán as listas provinciais que, segundo o procedemento do Bloque, terán que ser ratificadas polas asembleas comarcais e posteriormente proclamadas polo Consello Nacional.

Nos últimos meses, o Partido Popular foi confirmando a posición nas listas dalgúns dos homes fortes do partido, tanto do sector afín ás teses da dirección española do PP como dos que se agrupan arredor do poder provincial encabezado por Baltar, Cacharro e Cuíña. Despois da ameaza de escisión por parte deste último sector en outubro do ano pasado e do compromiso de adiar a crise até despois das eleccións, a maquinaria electoral do Partido Popular púxose en marcha a partir do congreso de outubro de 2004. Fraga xa anunciou que o vice-presidente primeiro, Alberto Núñez Feijoo, encabezará as listas "populares" por Pontevedra; o outro vicepresidente, o segundo, Xosé Manuel Barreiro, irá de primeiro por Lugo e o propio Fraga repetirá cabeza de lista pola Coruña. A incógnita non se despexou aínda na provincia de Ourense. Despois de que a primeira aposta de Baltar, o xefe do servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario de Ourense, Miguel Angel Pérez de Juan Romero, renunciase a encabezar a lista, o presidente provincial do PP revelou que a cabeza de lista do PP por Ourense será unha muller sen experiencia política, duns trinta anos de idade, con titulación superior e que traballa no sector servizos. O PP barallaba a posibilidade de incluír como cabeza de cartel a María Gómez, filla do coñecido empresario ourensán Eligio Gómez Nieto, pero aduciu compromisos familiares e declinou a proposta. Nos oito primeiros postos, correspondentes aos escanos que ten actualmente o PP na provincia, figurarán outras dúas mulleres. De momento, o fillo de Baltar ocupará aínda un lugar secundario na lista ourensá. É tamén seguro que Xosé Cuíña irá en postos de saída por Pontevedra, probabelmente en quinto lugar.

Menos se sabe aínda das listas que presentará o PSdeG-PSOE. Tanto Emilio Pérez Touriño como o secretario de organización Ricardo Varela estiveron nas últimas semanas perfilando unhas listas que a estas alturas deben estar practicamente pechadas. Parece probábel que Touriño repetirá por Pontevedra, aínda que podería concorrer pola Coruña para enfrontarse directamente con Manuel Fraga. O propio Ricardo Varela liderará a lista por Lugo. A promesa de paridade e a incorporación de nomes indepententes nas listas fai que teñan moitas posibilidades para encabezar as listas ou ocupar postos de saída como a deputada Laura Seara por Ourense ou Carme Gallego por Pontevedra, no caso de que Touriño opte por ir pola Coruña.


0/5 (0 votos)