Os datos oficiais falan de 1.146 persoas executadas en 2003 e máis de 3.700 en 2004, pero a realidade deita cifras aínda máis escandalosas. No artigo que segue, Vítor E. Rodríguez Barca fai un percorrido pola situación da pena de morte en varios puntos do planeta: dende o linchamento ou execución sen xuízo previo que aínda pervive en América latina, até a práctica habitual da pena de morte en potencias como Estados Unidos ou China.
No 2003, 1.146 persoas foron oficialmente executadas en todo o mundo e outras 2.756 foron condenadas a morte. Pero as cifras reais son moito maiores. Así, no caso da China, fontes gobernamentais admitiron ter realizado 726 execucións durante o 2003. En marzo do 2004, un alto cargo lexislativo chinés afirmou, oficiosamente, que o seu pais executa unhas dez mil persoas cada ano.
A China é, xunto cos Estados Unidos, Irán e Vietnam responsábel do 84 por cento do total de execucións a nivel mundial. Nese mesmo ano de 2003, Irán executou 108 persoas, 65 foron executadas nos Estados Unidos e outras 64 en Vietnam.
En 2004, tres países (Armenia, Bután e Samoa) aboliron a pena de morte e o ritmo de execucións baixou lixeiramente nos Estados Unidos (59 execucións). Pola contra, o Líbano, Indonesia e a India retomaron as execucións, no Paquistán reanudouse a execución de menores de idade e en Vietnam as autoridades prohibiron a publicación de informacións e estatísticas referidas á pena de morte.
A pervivencia do linchamento
En América Latina dáse unha situación preocupante. Se ben a maior parte dos países iberoamericanos son pioneiros do abolicionismo a nivel mundial (sirvan como exemplo os casos de Venezuela, que a eliminou do seu sistema xudicial no 1863, de Ecuador que o fixo no 1906 ou de Colombia, que a aboliu no 1910), o que se coñece como pena de morte extraxudicial está presente en moitos países.
Como pena de morte extraxudicial enténdese o linchamento ou a execución de presuntos delincuentes sen seren sometidos a un xuízo xusto. Anos de ditaduras e de violentos enfrontamentos internos desartellaron a maior parte dos países latinoamericanos e provocaron enorme índices de pobreza, desarraigo e inxustiza, terra de cultivo para a violencia.
Segundo o doutor Hélio Bicudo, tenente de alcalde de Sao Paulo e coñecido loitador polos dereitos humanos, tres persoas son executadas extraxudicialmente cada día no seu país. Outras fontes elevan esa cifra ata o 20 por cento do total das mortes violentas acontecidas no Brasil.
O doutor Bicudo sinala que o grande reto de América Latina está en conseguir que a abolición da pena de morte sexa efectiva, polo que todos os esforzos deben de encamiñarse á eliminación ese ‘sistema xudicial’ paralelo. Escuadróns da morte compostos en grande medida por policías e militares, e sostidos por parte da poboación, que ve en eles unha solución rápida aos problemas crónicos do sistema xudicial, percorren as rúas de moitas vilas coa intención de ‘limpalas’ de posíbeis delincuentes.
Para o doutor Bicudo, a ineficacia dos sistemas xudicial e penitenciario, o escaso nivel de formación dos corpos policiais e a frustración popular motivada pola ineficacia do Estado fronte á delincuencia aparecen na orixe deste sistema paralelo. "O sistema carcerario, tal e como o entendemos en este momento, só pode ser descrito como unha verdadeira academia de delincuencia. Fanse precisas tanto unha reforma urxente do sistema penitenciario que garanta a labor de reforma e reinserción na sociedade para o que foi deseñado como unha reforma do sistema policial que garanta o cumprimento da xustiza".
Pena de morte e menores
Máis de cen países manteñen a pena de morte no seu código penal, aínda que son pouco máis de sesenta os que executan as condenas. De entre eles, a República Democrática do Congo, Irán, Nixeria, Paquistán, Arabia Saudita e os Estados Unidos teñen executado persoas por delitos cometidos cando eran menores de idade.
A execución de persoas por delitos cometidos cando aínda eran menores de idade supón unha clara violación dos acordos internacionais de defensa dos dereitos da infancia. O feito de que un país non forme parte de un tratado internacional de defensa dos dereitos da infancia non o exime do seu obrigado cumprimento.
A este respecto, a Comisión Interamericana de Dereitos do Home, organismo que depende da Organización dos Estados Americanos (OEA), sinala que "se ten constituído en dereito internacional de costume a norma que prohibe a execución de delincuentes menores de dezaoito anos no momento do crime".
"Esa regra –sinala a Comisión- é recoñecida de natureza suficiente para ser considerada como una norma de jus cogens"
No período comprendido entre 1993 e 2004, os Estados Unidos teñen executado máis menores (19 de un total de 34) que o conxunto dos outros países e son, xunto con Somalia, os únicos países que non teñen ratificado o Tratado Internacional sobre os Dereitos da Infancia.
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (abril 2005, nº 95)