Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A OPINIÓN DE LEONARDO BOFF

A escolla de Ratzinger é a continuación do "inverno da Igrexa"

"Tendo en conta as súas posicións sobre a Igrexa e o mundo, será difícil amar o novo Papa", afirmou este martes o brasileiro Leonardo Boff, ideólogo da Teoloxía da Liberación, logo de coñecer o resultado do conclave. Boff sufriu no seu momento da represión de Ratzinger, rematando por deixar os hábitos a comezos dos anos 90. Nos días anteriores á elección, Boff pronunciárase publicamente a prol dunha viraxe na xerarquía católica onde na súa opinión, con Xoán Paulo II medraran os grupos ultraconservadores e agromaran "papalistas, infantilizados e aduladores que cultivaron un cristianismo ritual e devocional, insensíbel ás cuestións da xustiza e da humanidade sofredora".

- 09:28 20/04/2005
Tags:

"Agardo que o novo Papa pense máis na humanidade e menos na Igrexa", dixo Leonardo Boff nas súas primeiras declaracións á axencia brasileira Estado logo de coñecer que Joseph Ratzinger é o novo Papa. O teólogo brasileiro destacou as dificultades para "amar o novo Papa" vista a súa traxectoria á fronte da Congregación da Doutrina da Fe, responsábel do castigo a Boff e outros importantes pensadores da Igrexa que se apartaban da estrita liña conservadora impostas dende o Vaticano nos últimos anos.

Na opinión de Boff os desafíos da Igrexa católica son similares aos grandes desafíos do planeta, e neles debera implicarse: "dous problemas urxentes: a xustiza social e a xustiza ecolóxica. Hai unha degradación do tecido social da humanidade, con millóns de persoas sufrindo miseria e pobreza á beira dunha acumulación de riqueza e medios de benestar como nunca antes houbo na humanidade e que se apropia un grupo reducido de países".


Ligazóns

0/5 (0 votos)