Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BIETO XVI

Biografía de Joseph Ratzinger

O cardeal Joseph Ratzinger, prefecto da Congregación pola Doutrina da Fe, presidente da Pontificia Comisión Bíblica e da Pontificia Comisión Teolóxica Internacional, Decano do Colexio Cardenalicio, naceu en Marktl am Inn, a poucos quilómetros de Passau (Alemaña) o 16 de abril de 1927. Bieito XVI ten, pois, 78 anos. O pai, comisario de policía, proviña dunha antiga familia de agricultores da Baixa Baviera.

- 08:40 20/04/2005
Tags:

Pasou a súa adolescencia en Traunstein, e participou no exército naci alemán durante os últimos meses da II Guerra Mundial nos servizos auxiliares antiaéreos. Do 1946 ao 1951 (cando se ordea como sacerdote) estudiou filosofía e teoloxía na universidade de Múnic e na escola superior de Filosofía e Teoloxía de Freising. Doutorouse en teoloxía en 1953 coa disertación "Pobo e casa de Deus na Doutrina da Igrexa de Santo Agostiño". Catro anos despois obtiña a libre docencia cun traballo sobre a teoloxía da historia de San Boaventura.

Logo de dar clase de Dogmática e Teoloxía fundamental na escola superior de Filosofía e Teoloxía de Freising, proseguiu dando clase en Bonn (1959-1969), Münster (1963-1966) e Tubinga (1966-1969). Neste ano comeza a dar clase de Dogmática e de historia dos dogmas na universidade de Ratisbona. En 1962 participaba no Concilio Vaticano II como asesor teolóxico do arcebispo de Colonia, o cardeal Joseph Frings.

Entre as súas abondosas publicacións destacan 'Introdución ao cristianismo', unha escolma de leccións universitarias sobre a profesión da fe apostólica (1968) ou 'Dogma e revelación' (1973). O 24 de marzo de 1977 Paulo VI noméao arcebispo de Múnic e Freising. O 28 de maio dese mesmo ano recibía a consagración episcopal.

Foi relator na V Asemblea xeral do Sínodo dos Bispos (1980) e foi presidente delegado da VI Asemblea sinodal (1983) sobre a "reconciliación e penitencia na misión da Igrexa". O 25 de novembro de 1981 Xoán Paulo II noméao prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe (antes Santo Oficio da Inquisición); presidente da Pontificia Commisión Bíblica e da Pontificia Comisión Teolóxica Internacional. Duirante os seus 24 anos á súa fronte, condeou teoloxicamente 140 sacerdotes.

O 6 de novembro de 1998 foi elixido vicedecano do Colexio Cardenalicio. O 30 de novembro de 2002, Xoán Paulo II nomeábao decano do Colexio Cardenalicio. Foi presidente da Comisión para a preparación do Catecismo da Igrexa Católica, que logo de seis anos de traballo (1986-1992) puido presentarlle ao Papa o novo Catecismo.

É membro do Conselio da II Sección da Secretería de Estado; das congregacións para as Igrexas Orientais, para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos, para os Bispos, para a Evanxelización do Pobo e para a Educación Católica; do Consello Pontificio para a promoción da unidade dos cristiáns, e para a cultura; e da Comisión Pontifica para a América Latina e para 'Ecclesia Dei'.


0/5 (0 votos)