O conselleiro da Presidencia, Xaime Pita, afirmou que se Fraga decide que as eleccións se celebren antes do mes de outubro isto non suporía un adianto dos comicios "porque Galiza está practicamente en período electoral". En declaracións á prensa logo da Xunta de Portavoces no parlamento, Pita intentou definir o que é, segundo el, un "adianto electoral": por exemplo, o que fixo Felipe González cando anticipou nun ano os comicios que se celebraron en 1989 e 1996. "Outra cousa é que haxa diferencia de meses", concluiu. Con todo Fraga adevrtiu que non lle dirá a ninguén cando serán as eleccións "ata o momento mesmo de asinar o decreto". Segundo a lei electoral, o decreto de convocatoria debe ser asinado polo presidente da Xunta entre o día 54 e o 60 anterior aos comicios e non é preciso que sexa aprobado polo Consello da Xunta.