O secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, asegurou que, segundo os datos que manexa o seu partido, o BNG sofre só "unha leve baixa" en expectativas de voto para as eleccións autonómicas e que existe un "empate técnico" entre o PP e o PSdeG-PSOE. Neste escenario, Blanco cre que se o presidente da Xunta convoca eleccións anticipadas estaría "incumprindo a súa palabra unha vez máis" para curtar unha "sangría de votos" na súa contra. Unha caída que iría en aumento, segundo Blanco, a medida que os galegos vaian coñecendo o que fai o goberno Zapatero por Galiza e como se relicte nos orzamentos para 2006, que xa se perfilarán en outubro. Blanco dixo que o PSdeG traballa coa hipótese de que as eleccións sexan en outubro, coa aprobación do programa en xuño e proclamación das candidaturas en xullo. Logo das declaracións de Blanco, o seu homólogo no PSdeG, Ricardo Varela, mesmo suxeriu que Fraga podería anunciar o adianto das eleccións este mesmo xoves tras o consello da Xunta. Pola súa parte, o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, acusou hoxe a Fraga, de utilizar a data eleitoral en función dos seus intereses persoais como candidato e da conveniencia partidista do PP, fiel reflexo dun político que "concibe as institucións como chiringuitos de uso particular".