Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FEIRA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Os editores galegos volven satisfeitos de Boloña

Os editores galegos cualificaron de "moi positivos" os resultados da súa participación na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, unha das máis importantes da UE neste sector. Durante catro días concentráronse na cidade italiana editores, ilustradores autores e axentes literarios de todo o mundo.

- 08:02 19/04/2005
Tags:

Os obxectivos dos responsables dos sete selos editoriais que viaxaron a Boloña -A Nosa Terra, Baía Edicións, Edicións do Cumio, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Kalandraka Editora e Edicións Xerais de Galicia- foron os de coñecer as novidades e proxectos que se están a realizar en distintas partes do mundo, realizar contactos para posibles colaboracións, coñecer os cambios e tendencias do mercado, contactar con ilustradores e autores, comprar e vender dereitos… obxectivo de traballo, que tralas primeiras xestións deberá frutificar nas vindeiras semanas.

O incremento do número de visitantes profesionais ao stand da Asociación Galega de Editores –ao redor dun 30% respecto á anterior edición-, sitúa en máis de mil as persoas que visitaron o stand no que se exhibiron uns 500 títulos pertencentes ás 16 editoras galegas con exposición de libros no mesmo. Ademais dos selos editoriais xa mencionados, estiveron representadas as editoras galegas Everest Galicia, Ir Indo Edicións, Editorial Obradoiro, Ediciós do Castro, Editorial Tambre, Rodeira, PrimeraPersona, Editorial Toxosoutos e Sotelo Blanco Edicións.

En canto ao perfil dos visitantes destacaron os interesados en establecer colaboración con editoras galegas, atraídos polas edicións de literatura infantil destinadas a franxas de idade ata os 8 anos, e nas que valoraban especialmente o tipo e calidade da edición.

Destacada presenza na Feira do Libro 2005 de Boloña tiveron os autores galegos Marilar Aleixandre e Agustín Fernández Paz, que participaron nunha mesa redonda con outros expertos en literatura infantil e xuvenil.

Segundo os datos do Comercio interior do libro en España 2003, elaborado pola Federación de Gremios, a facturación das empresas galegas no eido da literatura infantil e xuvenil foi de aproximadamente 2 millóns de euros, o que representa o 13,2 % do total da facturación en Galiza durante ese ano.


0/5 (0 votos)