Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REACCIÓNS Á DEMISIÓN DE BEIRAS

Sorpresa e expectación

Beiras afirmou que continuaría como membro do Consello Nacional, pero que demite do seu cargo como presidente do mesmo. O político nacionalista, de 69 anos, encabezara a lista oficialista na última Asemblea Nacional, por diante de Anxo Quintana. Estas son algunhas das primeiras reaccións ao anuncio da súa demisión.

- 12:20 12/04/2005
Tags:

Fernando Blanco, o cabeza de lista do BNG por Lugo, asegurou que "Beiras se equivoca nas formas" coas que expresou a súa renuncia á presidencia do Consello Nacional. Con todo, confía en que Beiras "siga traballando" para que o BNG "avance no camiño de conseguir a presidencia da Xunta no mes de outubro". Blanco rexeitou que a decisión de Beiras vaia provocar un cisma no Bloque, xa que a proposta de listas presentada pola Executiva foi apoiada pola maioría dos militantes nun proceso "claramente democrático". "O BNG está unido e non hai ningún tipo de ruptura", concluiu.

O voceiro da corrente dos non-adscritos, Roberto Mera, renunciou a facer valoracións sobre a decisión de Beiras ata coñecer o contido exacto da carta. En todo caso, para Mera a crise das listas "estaba pechada dende o xoves", cando Beiras declarara a súa disposición para aceptar aquilo que o Consello Nacional do Bloque lle propuxese.

"As persoas pasan, pero as organizacións política quedan". Para o secretario xeral do PNG, Xosé Henrique Rodríguez Peña, o "protocolo" que utilizou Beiras para presentar a demisión "foi pouco afortunado" e apostou por "gardar as formas", aínda que "lamentou profundamente" a súa decisión polo que implica para o nacionalismo "neste momento". Rodríguez Peña sinalou que agora "máis ca nunca" hai que "defender" o proceso de renovación da candidatura do BNG impulsado polo portavoz nacionalista Anxo Quintana. "Hai unanimidade e ilusión grande neste proceso e en que toda a organización de poña a traballar na renovación, a pesar do de Beiras, dado o que se xoga o Bloque", engadiu.

Nunhas declaracións efectuadas á Radio Galega o pasado domingo, o secretario xeral da UPG, Francisco Rodríguez, mostrábase, porén, confiado en que a dirección nacionalista e Beiras chegarían a un acordo satisfactorio para o presidente do Consello Nacional. De feito, Rodríguez afirmara que "o noso líder histórico non vai desaparecer do escenario político, nin deixar de ter un papel relevante. Non sei se será dentro ou fóra das listas, a decisión tomarase democraticamente e de común acordo con el".

A pesar de que "nunca falo de casa allea", o presidente da Xunta, Manuel Fraga, considerou que "o Bloque, como sabía todo o mundo, estaba moi desbloqueado e agora quedou perfectamente claro que por sorte para Galiza". Para o número dous dos populares galegos, Xesús Palmou, a demisión de Beiras supón unha vitoria do sector "máis intransixente" do Bloque.

Para Touriño, a demisión de Beiras non implicará "modificiacións ou cambios de fondo" na liña política do BNG e rexeitou que vaia ter consecuencias electorais para o "cambio en Galiza". O secretario xeral do PSdeG destacou que o BNG vive un proceso de "renovación do liderado" que "ten moita importancia" e que se pode vivir "máis ou menos de forma crítica". Touriño mostrou o seu "pleno respecto" ao proceso de renovación que vive o BNG: "fíxeno sempre e hoxe vouno coidar máis ca nunca". Porén, eloxiou a "traxectoria e liderado extraordinariamente positivo" desempeñado por Beiras na política galega. "O seu papel está fóra de toda dúbida e, por iso, quero expresar o meu afecto persoal e desexarlle o mellor".

O secretario de organización do PSdeG, Ricardo Varela, cualificou a Beiras de "referente do nacionalismo galego", pero non cre que a súa demisión afecte ás expectativas electorais do BNG, "porque a decisión da dirección nacionalista (de non situar a Beiras como cabeza de lista) foi apoiada maioritariamente pola militancia".


0/5 (0 votos)