"A decisión non é favorable no contexto de precampaña, aínda que as persoas teñen ese dereito e é completamente lexítimo exercelo. Véxolle un problema de tempos a esta demisión". A opinión do catedrático de Historia da USC, Ramón Villares, sobre a demisión de Beiras como presidente do Consello nacional do BNG.
Esta decisión chega nun momento propicio para favorecer o cambio de liderado do BNG?
Considero que a súa decisión de demitir non está ben tomada nos tempos, aínda que as razóns que a motivan sexan respectables e haxa erros na propia estrutura do BNG que propiciaron a súa saída. A decisión non é favorable no contexto de precampaña, aínda que as persoas teñen ese dereito e é completamente lexítimo exercelo. Véxolle un problema de tempos a esta demisión.
Que papel asumirá Beiras se continúa como membro do Consello Nacional?
Trátase dunha saída que, aínda que non sexa traumática, no contexto no que se produciu foi abrupta. Se continúa, a súa posición futura será máis difícil do que ata agora como líder. Non sei, non son capaz de imaxinar a súa función e o seu papel se segue como membro do Consello Nacional.
Que representa Beiras para o nacionalismo galego e para a construción do país?
Representou dúas cousas fundamentais, un modelo teórico elaborado nos anos 1960-70 que expuxo de forma completa na obra "O atraso económico de Galiza" e que trasladou para vivir o nacionalismo ata os anos 90. Creo que durou demasiado ese modelo teórico. Por outro lado, Beiras tivo un liderado parlamentario que transformou a estrutura do nacionalismo nos 90, aínda que non foi só mérito da súa persoa pero hai que recoñecerlle un liderado político importante. Tivo unha gran capacidade de liderado, con representación externa parlamentaria pública do nacionalismo.