Ante os máis de cen membros do Consello nacional do BNG, o seu presidente, Xosé Manuel Beiras, recoñeceu que cometeu "algúns erros mediáticos" nos últimos días e púxose a disposición da Executiva para que decida sobre a súa inclusión nas listas electorais. A "crise de confianza" provocada no seo da dirección do BNG polas declaracións de Beiras quedou superada, para Quintana, coa aprobación da proposta de cabezas de lista electorais do Bloque, co aopio de máis do 80% da militancia.
Unha xuntanza entre o voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, e o presidente do Consello Nacional, Xosé Manuel Beiras, a celebrar nos próximos días, despexará dúbidas sobre o futuro de Beiras no BNG. O optimismo logo da xuntanza do consello nacionalista na tarde deste xoves, e a vontade de transmitir un discurso de unidade para, en palabras de Quintana, "gañar a confianza dos electores" e basear a mensaxe nunha proposta ao eleitorado de "renovación, cambio, unidade e liderado", sirve para afrouxar as tensións internas da formación.
Así, o novo escenario podería servir para a recuperación da antiga proposta que Quintana xa lle fixera a Beiras de situalo no segundo posto da lista por Pontevedra. Lembrámoslles que a proposta da Executiva do BNG sobre os cabezas das listas electorais conseguiu o apoio do 80% dos militantes nas 24 asembleas comarcais que se celebraron desde o pasado luns.